<<

MetaWare High School (Demo)

Non tendo a completar o 100% dos xogos e, especialmente nas novelas visuais, prefiro obter un final representativo da miña experiencia en vez de conseguir o mellor seguindo unha guía. Porén, penso que me encaixan mellor aquelas que contan unha historia profunda, inda que o control sexa ilusorio, que aquelas nas que cada decisión importe moitísimo pero acaben sendo máis curtas por agochar moito contido en liñas que non explorarei. Por desgraza, este MetaWare High School (Demo) é deste último estilo de xogo que, ao igual ca no Café 0 ~The Drowned Mermaid~, está pensado para xogar a atopar todos os finais, e é case inconcibible ter unha experiencia satisfactoria se non aceptamos ir por ese camiño. Eu fíxeno así, obviamente e, se ben non me arrepinto, quedei un pouco máis morno do que agardaba.

Nota Creador

Non me desgustou, nin moito menos, que dende a primeira interacción real non existise un muro entre o xogador e as personaxes; tardei en decatarme do significado do MetaWare do título, inda que agora resulte lóxico. Na miña primeira pasada intentei comportarme aceptando a premisa de que existía unha comunicación real entre nós, dicindo verdades e actuando de boa fe. Dese xeito cheguei, nuns dez minutos, a un dos finais máis inocuos e quizais menos interesantes do xogo. Nas seguintes pasadas fun trocando algunhas eleccións aquí e alí, axudado polo sistema que marca en cursiva as pasadas, ata que xa quedaba pouco da miña personalidade e simplemente seguía diferentes liñas coma se fose un robot. Algunha vez si que Chris menciona que quizais esteamos forzando as respostas para explorar as posibilidades do xogo, pero non é un tema no que se afonde moito.

Groseiro

A filosofía xeral vai máis polo tema do inevitable da morte e de que significa ser real. Con Nari temos algunhas reminiscencias da nosa Monika preferida [así que son a túa preferida, eh? Non agardaba menos, cando queiras, xa sabes onde atoparme], pero o resultado non é comparable ó Doki Doki Literature Club. Durante as partidas pensei, de maneira errada, que este xogo era predecesor ó de Dan Salvato, e inda así pensei que non pasou moi ben o tempo por el. E como que dá a impresión de que está todo moi explorado, inda que seguramente non sexa o caso. Eu estou moi a prol de todas as ínfulas deste tipo e non pretendo poñerlles freo; se cadra é que non atopei esta nun momento axeitado da miña vida ou, tamén é probable, que a execución non fora tampouco estelar.

Lista

Podo dividir a miña experiencia en tres partes. Nunha primeira fun aprendendo máis das personaxes, da súa visión do mundo e atopando diferentes finais con certas variacións das miñas respostas iniciais. Na segunda fun na procura de todos os outros finais, xa facendo as escollas pensando máis en completar a árbore de eleccións ca outra cousa, e menos mal que hai unha funcionalidade para axudarnos nesa procura. A terceira parte foi na parte final do xogo, onde teremos que facerlle unhas preguntas por separado a cada unha das membras do grupo protagonistas. Non direi que as respostas non foron interesantes, pero é unha parte que se fai moi lenta, non tanto pola cantidade de texto senón por todas as pausas obrigadas que hai. Entendo que a idea é empregalas para reflexionar, pero eu sempre doulle máis ó cerebro co xogo apagado.