<<

Behold the Kickmen

Moito xogo de futbalón xoguei na miña nenez e adolescencia. Comezando polo World Cup Italia ’90 e seguindo por calquera que caese nas miñas mans, como aquela vez que saín tarde para o colexio por xogar un partido no Fifa Soccer 95, aprendendo que un partido de dous tempos de 4 minutos non entraban nos 15 que presuntamente tiña libres. Dende entón pouco máis xoguei en serio sobre este deporte máis aló dalgún Football Manager, pero aí o foco cambiaba de tentar puntuar goles directamente a manexar números en varias táboas electrónicas. Este Behold the Kickmen promete unha mestura de ambos xéneros e inclúe tamén unha novela visual bastante tola para completar a experiencia.

Xai Oleiro

Inda así a parte central é a de manexar os soldados dun equipo no redondo campo de xogo para gañar o deporte. Para logralo hai que puntuar goles pateando a pelota dentro da zona que cubre o gardacartos. Se non estamos na metade de fóra de xogo e pateamos dende moi lonxe cabe a posibilidade de que conten dous ou tres goles de cada vez. É dicir, as regras do futbalón de toda a vida, inda que botei de menos a de “quen marque este, gaña”, que penso que está nos estatutos da Fifa Soccer dende que eu son pequeno. A verdade é que eu agardaba regras inda máis tolas, xa que, agás a de fóra de xogo que emprega o significado literal en inglés, teñen todas bastante lóxica.

Offside

Onde xa improvisa un pouco máis é na maneira de conseguir cartos para mellorar o equipo. O método baséase en animar os seareiros con movementos divertidos para que vaian engadindo cartos ó bote. Un bote que se baleira cando facemos unha falta ou o noso gardacartos non fai ben o seu traballo, pero que podemos cobrar tanteando un gol na portería allea. Eses cartos podémolos gastar en mellorar as habilidades do noso equipo, como, por exemplo, patear, correr ou sachar. Hai unha diferencia moi grande entre o nivel inicial e o máximo, e esa foi unha das cousas que máis marcou a miña experiencia.

Cartos

Comecei gañando algúns partidos, perdendo outros e atascado na miña liga sen moita opción de transferencia superior. O problema era que os meus soldados eran moi lentos e couceaban moi mal a pelota. Por non falar do gardacartos, que tan pronto comezaba a tirar o equipo rival eu xa sabía que ía acabar dentro. Isto parecía potenciado co resultado: canta máis vantaxe levaba eu, máis goles semellaba encaixar, vindo así a meirande partes das derrotas nos compases finais. Todo cambiou de súpeto cando collín a consola outro día diferente despois de ter potenciadas ás pernas ó máximo. Aí xa non volvín perden un partido, era doado tantear goles duplos e ata conseguín explotar un par de veces o sistema de cartos para mellorar todo o resto de atributos do meu equipo. Xa non houbo quen me parase e era cuestión de tempo que ascendese á Copa do Mundo e chegase ata a vitoria final contra o Brasil United. De feito, comecei a marcar goles ben cedo e a facer tempo correndo polo campo esquivando os rivais simplemente para que o aplicador do regulamento marcase o final do partido canto antes.

Libre

A única motivación entón era avanzar na historia. Pasaron unha morea de cousas moi locas e, tras cada vitoria, afondábase máis nalgún xiro argumental novo ou nalgunha liña de investigación dependendo en boa parte das miñas escollas. Como comentaba no artigo do MetaWare High School (Demo), esta foi unha implementación que me satisfacía abondo xa que, inda que deixase unha morea de texto e misterios sen resolver, notei que as decisións eran ben diferentes e acabei conformando a miña propia historia. Gustaríame ter cambiado algunha, como cando matei ó irmán xemelgo malvado de Xai Oleiro por mor dun fallo nos controis, pero o resultado case pagou a pena da carencia de dificultade nos partidos. E iso que xoguei subindo un pouco o empezo da campaña, tamén sen querer e por outra confusión co mando.