<<

Fairy Bloom Freesia. Capítulo 1

O único que sabia deste Fairy Bloom Freesia era que o tiña na biblioteca dende que apareceu nunha colección co Blood Bowl e que no meu portátil bloquéabase a interface de Steam cando premía no seu nome. Tocoume ir á páxina da tenda e ás críticas para saber se debería xogalo e facerme unha idea de que tal podería funcionar na Deck. Unha persoa mencionou por aí que era unha mestura de Devil May Cry e o modo infinito dos Super Smash Bros. (que nunca o vin pero podo imaxinalo). Esa visión resultoume ben interesante e viña de xogar o Eryi’s Action que tamén tiña unha fada coma protagonista, así que xuntei todo iso para animarme a probalo. O resultado foi máis ou menos como podería telo imaxinado.

Logo

Igual ca na miña primeira volta polo Devil May Cry 3, 15 anos antes, chamoume dende o comezo o doado que era facer combinacións de ataques nos inimigos e o estilosas que semellaban. Igual ca na miña primeira volta polo Devil May Cry 3, 15 anos antes, pouco tardei en decatarme de que non ía ser un paseo. Debaixo deses gráficos coloridos nos que encarnamos a unha fada con aspecto de rapaza atópase un xogo máis esixente do que podería semellar a primeira vista. Logo de aniquilar sen problemas os inimigos do bosque nos primeiros niveis do xogo, tiven que aprender polas duras que era preciso bloquear cando apareceu o primeiro inimigo xigante da aventura. Logo dun par de fracasos xa era algo doado, por moito que ás veces aparecese como inimigo común e por duplicado, algo moi típico destes xogos que queren que goces co moito que levas mellorado no mesmo, coma no Strider, por exemplo.

Hulking Golem

Nos sucesivos días diexéticos repetíronse un pouco as sensacións de fracaso e superación. Algún nivel de protexer os vórtices rematou en derrota varias veces consecutivas, a aparición de inimigos voadores deume tamén algunha dor de cabeza e os xefes dos días 10 e 15 foron complicados ata que establecín un plan claro para cada un deles. No caso do xefe do día 10, ese plan foi atacar con calma e bloquear todo o posible, idealmente no momento axeitado para que non puidese romper a miña garda. A xefa do día 15 foi algo máis complicada e tiven que recorrer a dominar o de brincar e bloquear, ademais de trampear coa habilidade pasiva de rexeración de vida mentres fuxía polo entorno coma a fada máis cobarde de todas as fragas. De aí xa foi de carreira, con algún pequeno fracaso pero ata superando á loita final do día 25 no meu primeiro tento.

Xefa

Todo iso acontecía mentres avanzaba nunha narrativa que servía como desculpa para presentar os diferentes escenarios e inimigos e ampliar o tempo de xogo, xa que non me levou nin tres horas completar a historia na dificultade estándar e varios deses minutos foron seguindo diálogo. Non obstante, o xogo está pensado para ser rexogado aumentando o nivel ou no novo modo gardián que promete desafíos máis complicados sen límite. Eu adiqueille un tempo a esa modalidade e volvo de cando en vez, a ver se chego ata loitar contra a xefa secreta. Mais, polo de agora, vou ir alternando esas partidas ocasionais con outros videoxogos. Logo de tanta fada, xa teño na mente un xogo baseado noutra rapaza, esta vez humana, que tamén causou moitos estragos nas vampíricas liñas inimigas.