<<

Street Fighter II: The World Warrior

Aí atrás estiven xogando o primeiro Street Fighter II no Capcom Arcade Stadium. Non foron máis ca un puñado de partidas co principal obxectivo de probar esa plataforma e apañar algúns logros de Steam, que é unha teima que teño ultimamente. Curiosamente foron todos moi doados de conseguir inda que remataron sendo dos máis raros de toda a miña colección; supoño que o xogador medio non lle preocupan tanto esas cousas e prefire xogar tranquilo os xogos da súa nenez. Hai uns anos manexei todas as personaxes do Super Street Fighter II: The New Challengers, así que moitas sorpresas non levei sobre o xogo, pero si que me levou a pensar nos meus primeiros encontros con esta saga e algunhas lembranzas viron especialmente fortes á miña mente. Velaquí algunhas, ordenadas según voume acordando:

  • Media lúa adiante e puño. Así foi como, un rapaz que non coñecía de nada, aprendeume a lanzar hadoukens. Estaba eu só, moi cativo, na máquina e supoño que movendo o joystick ó chou, dándolle os botóns e aledándome moito cada vez que saía ese ataque especial dos puños de Ryu. Con ese consello conseguín facelas cun maior éxito e ser a envexa dos meus amigos. O problema? Nunca entendín o de “media lúa” e eu facía unha “lúa enteira” de atrás a adiante, sendo algo máis lento e provocando que saian hadoukens de lume en versións sucesivas do xogo. De feito, é unha teima que inda teño agora mesmo as poucas veces que xogo a xogos de loita.

  • Premer start para trocar de personaxe. Moi preto de onde sempe xogabamos ó fútbol había un salón recreativo no que, curiosamente, non parabamos moito. Pero inda así lembro ter ido xogar o Street Fighter II en bandada e atopalo raro. Eu entrei como segundo xogador cos meus cinco pesos, comecei a xogar con esa velocidade elevada e cores raras e escoitei que tiña que pulsar start para cambiar de personaxe. E funcionou! Hai pouco atopei que ese evento non foi produto dun soño de neno xogón, senón que tratábase dunha versión pirata bastante extendida e coñecida como Rainbow Edition.

  • Entra cando vaia perder. Non eramos nada bos neste xogo, polo que todas as axudas eran benvidas. Un plan que axudaba a pasar o xogo e aproveitar mellor os cartos era que o segundo xogador agardase a que o primeiro fora a perder unha partida para unirse a ela. Deste xeito, parábase inmediatamente a futura derrota e o gañador do lance tería a posibilidade de continuar a partida dende ese punto.

  • Dobre K.O. para xogar máis. Cando se xogaba en modo competitivo os cartos desaparecían moi cedo dos petos. Unha norma comunmente aceptada entre amigos era forzar un dobre K.O. no terceiro asalto para así ter un pouco máis de combate adicional, inda que ás veces podía sair mal e había que rifar quen tiña a potestade de seguir coa partida no modo dun só xogador ou quen tiña que meter cinco pesos máis.

  • Non atacar en paxariños. Esta non sei ben de onde saíu, pero estaba mal visto danar á rival cando estaba apampada logo de recibir unha malleira (“en paxariños”). O que faciamos era entón intentar adiviñar cando ían rematar para castigar nese preciso momento, o que sempre levaba a discusión de se foi un golpe legal ou non. Sucesivas versións do videoxogo acabarían coa discusión incluíndo unha bonificación de puntos por recuperarse.

Personaxes