Vampire Survivors. Capítulo 2
Inda que na anterior entrada dicía que este Vampire Survivors non era para min, pero un par de semanas despois xa estaba de volta aniquilando todas esas hordas de bechos que semellan sacados tal cal dun Castlevania. E esta vez xa se me daba mellor e non tiven problemas cos sinxelos controis, máis aló de ter seleccionada algunha mellora sen querer tan cedo como apareceu a pantalla de subida de nivel. Algo que nunca pode suceder no caso de atopar un cofre con melloras, xa que temos que aturar a longa animación de duración variable varias veces en cada partida. Se cadra é porque xogo sen son, porque todo o mundo fala das boas sensacións que produce e o moito que se nota que o desenvolvedor traballou en máquinas comecartos en liña. Para min non era máis que unha pausa obrigada na acción que tardaba en amosar a recompensa, e a miúdo cambiaba o meu desexo de obter moitos cartos gratis coa miña esperanza de que rematase cedo para volver á aniquilación.
Unha aniquilación que xa case non tivo fin. Logo de superar todos os niveis principais, e algún secundario, sen que houbese nada semellante a un final, decidín buscar se me perdera algo. E efectivamente, había que chegar a nivel 80 na torre anterior para desbloquear un novo nivel que ten un xefe final especial que outorga unha pequena festa con fogos de artificio que non significa que rematase o xogo. Resulta que na miña búsqueda apresurada non reparei en que ese inimigo só facía as veces de xefe final en versiones anteriores do xogo, existindo outro camiño agora mesmo para chegar ata os créditos finais. Voulle botar parte da culpa a que é un xogo moderno con éxito no que os resultados do buscador máis famoso están dominados por páxinas que regurxitan información entre moita palla sen aportar nada novo.
Como non quixen ler moito máis, imaxineime que o final tiña que ver con completar a baralla de arcanos, unha interpretación totalmente incorrecta pero que me levou a xogar moitas máis partidas con diferentes personaxes, sobrepasando os 31 minutos de supervivencia en todos os niveis principais. Máis adiante volvín a internet para aprender que me faltaba eliminar un inimigo nun escenario secundario para obter a reliquia que me faltaba. Como xa non tiña máis necesidade de empregar personaxes menos eficientes, probei o da máscara vermella da morte e din boa conta do encargo co seu ataque inicial poderoso, a súa gran velocidade e o seu gran colchón de puntos de vida. Ese mesmo día xa me estaba enfrontando ó xefe final-final por vez primeira e obtendo unha vitoria ben rápida inda que non me decatei nada ben de moitas das mecánicas da loita.
Agora non me atrevería a repetir moitas das afirmacións que fixen na primeira entrada sobre este xogo, como que non era para min, porque claramente non son certas. Obtiven 131 dos 143 que me aparecen para desbloquear, a colección ten 120 dos 128 obxectos, só decubrín 2 dos 16 segredos e teño medio millón de moedas no banco, polo menos ata que gaste todos, e algún máis, na mellora do selo. Pode que nalgún outro intre decida volver a revisitar algunhas desas cousas, pode que xa de man dunha guía, ou pode que agarde a que o Brotato estea máis rematado para probar o xénero de novo con outra interpretación inda máis eloxiada.