<<

Golden Axe III

Logo de xogar os dous primeiros Golden Axe (I e II) nas cadansúas versións de Mega Drive estaba xa case obrigado a rematar a triloxía consoleira con esta terceira parte. Curiosamente, inda que nunca chegou de maneira tradicional a fora de Xapón, si que tiña lembranzas de telo xogado no pasado, sen dúbida de maneira emulada dun ou outro xeito. A pantalla de selección de personaxe xa me resultou familiar, co totalmente-non-Ax-Battler, a totalmente-non-Tyris-Flare, a pantera antropomórfica e o xigante de tamaño humano. Pero o que rematou de conectar as miñas neuronas foi o segundo nivel, que comeza nun carro coa posibilidade de botar abaixo ós inimigos para dar unha conta rápida deles. Recordo ter o recordo dun tamén segundo nivel do Shadow over Mystara co seu particular tren. Mais ese xogo oficial de D&D, se ben é certo que saíu tres anos despois nunha plataforma máis potente, é todo o que este Golden Axe III querería se. E abofé que sería lixeiramente máis xusto comparalo co Tower of Doom, que só lle leva media ano e foi inspirado pola saga, pero non o teño tan dominado.

Xigante

Decidín comezar a xogar co xigante, pero un par de ataques voadores despois decidín que ese non era o meu estilo e cambiei para a humana, que é a típica personaxe feminina de xogos da súa época. Na miña primeira pasada apañeime para chegar bastante lonxe, aprendendo polo camiño que o ataque de salto en carreira é dos máis efectivos. Non obstante, apareceu unha loita repetida contra dous minotauros que me levou case todas as vidas, perdendo a última pouco despois. No anterior encontro contra eles tiña unha montura que fixo o encontro trivial, pero neste caso non parecía servir de nada o ataque en salto ou achegarse paseniño. Unhas monturas que, por certo, son do único que ten máis interesante que o Shadow over Mystara, pero que aquí teñen menos carisma e menos utilidade que nos anteriores dous xogos da saga. Tampouco axuda que moitos inimigos aprenderan ben como baixar os protagonistas dos mesmos, xa que moitas veces eu os vía saltando e xa sabía que non podía facer nada para evitar o golpe.

Chimpo

Teoricamente hai unha morea de técnicas especiais, como bloquear ou ataques a distancia, pero non conseguín sacar ningún pola miña man e, inda cando aprendín os movementos precisos para algúns deles, non os empreguei. Se cadra era a miña falta de experiencia e algún podería terme axudado cos minotauros (decátome agora!). Pero inda así conseguín unha vitoria contra o que eu pensaba que era o xefe final empregando todos os créditos na miña segunda partida, inda que o reencontro con ese par de monstros non foi nada limpo e pensei que non saía vivo, por moito que o practicase levemente nun desafío do SEGA Mega Drive and Genesis Classics. A narrativa logo da última loita foi moi confusa. Aquí si que vencín a un xigante cun machado dourado (non coma no Golden Axe I) pero as letras na pantalla facían ver que non conseguín esa arma mitolóxica.

Ataque

Resulta que obtiven o final malo por empregar moitas continuacións, e tamén, de maneira secundaria, optar polo camiño superior no que non se liberan os heroes posuídos polas forzas malignas. Con esas eleccións de niveis alternativos o xogo gaña rexogabilidade dun xeito semellante ó Shadow over Mystara, inda que en todos os casos que vin non hai moita máis variedade que algunhas mínimas nos escenarios e inimigos. Eu darei por rematada aquí o meu percorrido por esta triloxía, xa que non teño interese nin ánimos por loitar polo final bo, que pode ser bastante complicado.