<<

Torchlight 2. Capítulo 3

“Xa que estou” é a expresión que mellor resume este último, que seguramente non derradeiro, paso polo Torchlight 2. “Xa que estou” era o que pensaba cando tiña quince minutos soltos para xogar e lanzaba de novo este mata-mata coa mesma enxeñeira das anteriores entradas. O día que atopaba algo máis de tempo, atopaba algunha nova desculpa para deixar de lado cousas máis serias, coma o Majora’s Mask, porque, “xa que estou”, a ver se supero un novo acto desta terceira volta. Ou, “xa que estou”, por que non remato o xogo unha vez máis con esta enxeñeira? E, “xa que estou”, xogo unha noite máis e subo algúns niveis mentres ando na procura dalgún deses famosos obxectos lendarios. E, claro, a estas alturas, “xa que estou”, pois miro de subir ao nivel requirido para completar unha habilidade. E, desta non estou moi orgulloso, “xa que estou” a nivel 98, por que non retraso unha horiña a hora de deitarse e subo ao 100? Que o día seguinte era sábado, pero inda así.

Vyrax

Pouco saquei deste esprinte. Dentro do xogo agora teño esa personaxe case rematada e algúns obxectos, non lendarios, de nivel 100 no baúl compartido, que poderían ser empleados como obxectivos non ideais de estatísticas para futuras partidas. Dentro do metaxogo teño algún logro máis, pero xa vin que hai outros como o de acumular dez millóns de moedas que non van comigo, xa que ando sempre curto de cartos porque o de engadir novos atributos ao equipamento é moi tentador. E, fóra do xogo, aprendín que estes días ando demasiado canso como para pensar en como seguir avanzando na secuela do xogo ese da ocarina; teño algunhas ideas, pero non resultan inmediatas de probar. E logo está o xogo ese das lesbianas nun coche, que teño pendente.

Lume infernal

Así que sería unha mágoa que quizais escolla un berserker en modo incondicional e tente superar o xogo dende o primeiro nivel. Non me importaría tirar de equipamento gardado para tal fin, pero tería que rebuscar nas personaxes de hai case unha década, e non semella un emprego axeitado do meu limitado tempo. E o de comezar outra personaxe nova tampouco, pero, eu que sei, xa que estou…

Estatísticas nivel 100