Dragon Quest III. Capítulo 1
Xa vai boa que comecei este xogo no Android, ata o punto que xa pouco lembro do comezo. Sóame que tentei librar da misión principal nada máis comezar, pero chegou o arrepentimento antes de que iso fora permanente. Logo lería que simplemente cambiarían un pouco eses compases iniciais, e que pronto converxería na ruta convencional; fiquei lixeiramente abraiado por unha liberdade non moi presente nos xogos deste estilo. Tamén me convenceu o cuestionario inicial para determinar a personalidade e, por tanto, as estatísticas, da personaxe que levarei. Neste caso, contestando coma se fose eu mesmo, saíume que Xulia sería unha loba solitaria. Algo que penso que non durou moito, porque hai por aí unha morea de libros que a cambian e sobre os que fun bailando sen saber o que facía, xa que non hai unha explicación interna para eses adxectivos.
Tamén é certo que o de loba solitaria non encaixaba coa aventura, xa que o primeiro que fixen foi crear/contratar outras tres rapazas para completar o cuarteto titular. Un equipo formado por Xulia, a heroína; Xoves, a guerreira; Ximena, a clériga e Rosa, a maga. Nin idea de por que non mantiven a temática da X. As catro xuntas teñen que… uh… salvar o mundo? Rescatar a alguén? Ámbalas dúas cousas? Probablemente, pero non recordo case nada da trama. Estaba por aí o pai de Xulia, o rei do lugar inicial e moitos monstros no camiño, que hai que aniquilar por medio de menús, como era de agardar.
Nesta versión actualizada é posible dar ordes xerais ás tres acompañantes para que se comparten automaticamente durante os combates. Pero, ao contrario que no Persona 3 Portable (sobre o que teño escritas as entradas finais dende hai máis de dous anos inda que estean sen transcribir), aquí semellan bastante útiles. Non só para aforrar en tempo, que tamén, senón que a súa intelixencia diría que pode dar mellores resultados que a do mellor xogador en certos casos, xa que semella que teñen coñecemento do que resultará máis efectivo cando chega a súa quenda, e saberán, por tanto, se convén máis facer un feitizo en área ou un centrado nun inimigo concreto, mentres que o xogador tería que facer unha aposta na fase de planificación e cruzar os dedos para que teña o efecto agardado. Obviamente esa intelixencia fai trampas, pero é algo máis que benvido.
Non tardei en decatarme de que o mundo está baseado na Terra real, con lugares coma Portoga onde saúdan cun “olá” nunha península moi parecida á Ibérica. Iso axuda bastante å orientación, xa que é máis sinxelo lembrar onde está Isis (Exipto) que o Reino de Gocwinky dun Phantasy Fantasy calquera. O cal semella que non é abondo para non me perder, xa que deixei o xogo hai catro meses precisamente porque non sabía onde ir. Penso que andaba na procura un ladrón que non estaba na súa gorida. Explorando atopei un deses obxectos que hai que empregar nun sitio particular que penso que tiña que ver con dicir a verdade, ou algo así, pero nunca din co lugar axeitado para empregalo, nin co ladrón, nin con ningunha vía clara de progreso. Ou, polo menos, iso é o que lembro. Quizais aproveite agora para explorar un pouco máis coa cabeza totalmente baleira, ou tire dunha guía para saber o seguinte paso. Ata ese intre foi todo moi directo e claro, o cal lévame a pensar que existe algo que non estou a ter en conta.