<<

Get in the Car, Loser! Capítulo 1

Fixen unha enquisa con tres xogos LGTB+ para que os meus amigos escolleran entre o Gone Home, Purrgatory e este road trip lésbico en forma de xogo de rol. Non sei se foi esa forma de vendelo, pero acadou os únicos cinco votos recibidos, por moito que se permitisen respostas múltiples. A verdade é que tamén era o que máis me apetecía do trío e levaba xa certo tempo instalado na Steam Deck, polo que atopei un oco na miña apretada axenda lúdica para comezalo canto antes. E a primeira sesión, de algo menos dunha hora, deixoume algo frío. Foi abondo para comprender as dúas partes ben diferenciadas do xogo: os diálogos un pouco ao estilo das novela visuais, e os combates coma un deses xogos de rol xaponeses semitradicionais.

Comiñas

Para un xogo que comeza coa frase do título, diría que ten moito texto. Dalgún xeito, é a típica frase de acción instantánea que non estaría fóra de lugar nun Mad Max, no que ninguén se enfadaría se non se volve a ler nada máis ata pasados trinta minutos. Pero entendo que unha presentación como “road trip lésbico” require certa exposición, e se a iso sumamos todo o tema da Orde Divina, a caracterización das protagonistas e todos os temas sociais que intenta comentar, pois nalgún lugar terá que ir. O sinxelo do deseño tampouco deixa moito lugar a outro tipo de solucións, e a gran cantidade de combates contra un número reducido de tipos de inimigos precisa algo para que non decaiga. Pero non sei eu se ese algo tiña que ser tanto e tanto diálogo, no que só podemos participar moi de cando en vez para poñer algunha resposta na boca de Sam que diría que non ten un impacto real máis aló da continuación da conversación. Ao contrario que no Behold the Kickmen, sinto que a historia que se está a contar non é a miña nin merecería unha segunda volta.

Loser

As mecánicas de combate non son habituais de todo, por mor do tema ese de rotar entre as tres configuracións e facer o ataque especial de Grace, pero non é complicado de entender nin de coller costume. O que abofé que tardei máis en pilotar foi o dos equipamentos, que fan ás veces de ataques, habilidades e niveis, todo en uno. Como os primeiros combates eran tan doados, non me preocupei nunca de mercar novos obxectos e nin coñecía ou lembraba o de melloralos. Sería cando xa non semellaba posible superar certos encontros cando me decatei desa posibilidade, e subín ao máximo do primeiro acto os niveis de todo o grupo nunha única parada. Dende ese momento foi todo fácil e non tiven problemas nin contra o xefe final, agás pola parte de comprender ben as mecánicas do combate e cando atacar a Angela, algo que eu facía ao chou sen saber moi ben por que.

Loita

Repetiría o error de non mellorar o equipamento no segundo acto, ao non me decatar de que había novos niveis na tenda. Volvín atrás nun determinado punto porque, inda que a base de reintentar conseguía roubar vitorias contra os inimigos comúns, non era nin eficiente nin moi divertido. Todo iso co reloxo opcional que fai que algunhas loitas sexan máis complicadas a cambio de mellores recompensas, inda que o fixen máis polo desafío que polas vantaxes, igual có de loitar contra todo inimigo que aparecese, algo que só rompín unha vez porque non podía co encargo especial de dar conta de catro monstroenfermeiras; por sorte, volveron aparecer na estrada un pouco máis adiante, que xa me sentía coma un fraude. Tiven algo de lea cando apareceron os ataques elementais, e inda agora non teño moi claro que pasa cando hai varios elementos no mesmo ataque, xa que me deu a impresión de que se fan dobre dano ou curan depende dalgún factor que eu non controlo. Apañeime experimentando en cada combate ata o xefe final dese segundo acto, que tiven que repetir varias veces ata que atopei unha combinación de habilidades que garantía un lento éxito. Non estivo mal de todo, teño curiosidade por ver que sorpresas haberá na segunda metade da aventura pero vou con medo de atoparme tanta letra que me quiten as gañas de avanzar.