<<

Mega Man 2

A miña primeira experiencia con Mega Man (o personaxe) foi en torno ao cambio de milenio no Marvel vs. Capcom da sala de xogos. Supoño que a miña primeira vez xogando nun Mega Man (a saga) sería xa no tempo dos emuladores e, seguramente, co X da Super Nintendo, un título que retomaba durante dez minutos cada vez que lembraba o vídeo ese de Sequelitis. Pero non foi un título no que avanzara moito, e os meus intentos co primeiro Mega Man (o videoxogo) remataron sempre bastante cedo, frustrado inmediatamente pola dificultade, xa que non era raro que perdese todas as vidas na primeira pantalla do primeiro nivel escollido, repetidamente. Así pasou tamén hai unhas semanas no Mega Man Legacy Collection e, cando estiven convencido de aplicar o esforzo preciso para superalo, atopei que o sentir xeral é que a segunda parte é mellor e máis doada cá primeira, así que decidín esquecerme da miña teima de comezar sempre polo principio e darlle a este Mega Man 2.

Primavera

Agora é obvio pero, dada a miña inexperiencia coa saga, nunca pensara o moito que o Shinobi da Game Gear é semellante aos Mega Man. No lugar de ter poderes diferentes, temos un equipo de ninjas que podemos trocar a vontade no menú de pausa, o que non ten ningunha diferenza funcional xa que o novo ninja entra xusto na posición do anterior e nunca podemos ter dous ao mesmo tempo. A outra semellanza grande é a liberdade de elección de niveis, ao mesmo tempo que hai un camiño ideal en base ás novas habilidades obtidas. No Shinobi tirei de memoria, pero neste Mega Man hai o dobre de niveis e non tiña nin idea de por onde comezar, así que escollín o do chisqueiro con patas. É complicado de dicir, xa que obviamente houbo moita aprendizaxe entre morte e morte, pero seguramente comecei pola máis complicada de todas. Entre outras zonas, había unha na que aparecían plataformas intermitentes que requirían uns brincos complicados e un bo ritmo interno para acertar en cada despegue.

Emboscada

Os seguintes niveis dos mestres robot resultáronme máis doados. Non sei se, neste xogo ou nesta saga, os niveis vólvense máis complicados cando máis tarde sexan escollidos, pero a lóxica diría que estaría ben como medida de adecuación da dificultade, xa que con máis obxectos e experiencia os obstáculos son máis sinxelos. Tan pronto como obtiven o foguete ese que se pode montar, lembreime da pantalla de lume e o sinxelo que tería sido superala con ese obxecto. Non obstante, tampouco saquei moito uso das diferentes armas obtidas, xa que me apañei en boa parte co lanza limóns orixinal, agás nas loitas contra os robots máis poderosos, nas que intentaba adiviñar as feblezas de cada un cunha taxa de éxito non moi elevada, inda que moitas veces non facía moita falla e solucionaba intercambiando disparos torpemente. Logo lin que as armas especiais teñen moita máis munición do que eu imaxinaba e que a de metal estaba totalmente descompensada, o que puxen de manifesto nunhas probas posteriores. Púxenme unha nota mental de, nos outros Mega Mans (os xogos), experimentar máis con esas ofensivas alternativas.

VVVVVV

Mais, logo de superar os oito niveis iniciais, inda tiña que facer unha incursión no castelo do doutor Wily. Comezando por unha ascensión que culmina nunha épica loita contra un xigante dragón mecánico, do que misteriosamente din boa conta co búmerang, e rematando nunha loita contra unha holografía que só require un pouquichiño de paciencia para chegar aos créditos sen moitos problemas. Polo camiño hai unha loita contra unhas torretas protexidas por uns muros, precisando empregar as poucas cargas da arma explosiva para obter a vitoria. Nos meus primeiros encontros cheguei ata aí sen vidas adicionais e caín por non ser capaz de esquivar os seus disparos mentres estoupaba os muros e as fontes de morte a distancia. Por sorte, nunha continuación, xa dominadas as etapas anteriores, repetín o achegamento co mesmo resultado, pero os muros quedaron derruidos para a seguinte vida, o que me deu unha vitoria bastante doada. Logo só faltaba repetir as loitas contra todos os mestres robots e contra Wily na súa nave que estoupaba de maneira doada. Se rematase aí, sería un bo final, pero co tema da holografía penso que perdeu forza toda a experiencia que, inda con esas, foi moi satisfactoria.