<<

Bacon – The Game

Na miña casa non eramos moito de touciño, inda que rara era a semana que non había lacón. Quizais por iso, ou por non ser nada seareiro da gastronomía en xeral, nunca simpaticei coas bromas e mencións a ese ingrediente. Iso non me apartou de aceptar un convite para probar un “bacon explosion” moi rico ou para descargar este xogo de Philipp Stollenmayer. O mesmo Philipp Stollenmayer que o Philipp Stollenmayer do Okay?. Porque Philipp Stollenmayer fai moitos xogos e quere que saibas que Philipp Stollenmayer fixo eses xogos.

Crítica

Philipp Stollenmayer, neste caso, non aparece directamente para presentar o xogo ou pedir cartos, xa que Philipp Stollenmayer confía nos anuncios para gañalos. Pero claro, sendo Philipp Stollenmayer Philipp Stollenmayer, pois non podía deixar de pasar a oportunidade de anunciar os outros xogos de Philipp Stollenmayer dentro deste. De feito, ata aparece actuando Philipp Stollenmayer, incluíndo unha escena disfrazado de touciño, para intentar convencernos para xogar a xogos de Philipp Stollenmayer. As típicas cousas de Philipp Stollenmayer. Curiosamente, nos primeiros días que xoguei, non vin anuncios que non foran de xogos de Philipp Stollenmayer, co cal non lle debeu saír moito a conta. Sería xa cando deixei de lado este xogo de Philipp Stollenmayer, e volvín para refrescar a mente, cando atopei anuncios alleos máis longos, molestos e menos interesantes.

Philipp Stollenmayer

Philipp Stollenmayer non deixa de ser un descoñecido para min. Por moito que faga brincadeiras por aquí sobre el, son apreciacións totalmente carentes de fundamento. Mencionei na entrada do Okay? que quizais Philipp Stollenmayer querería ser coma Bennett Foddy, simplemente porque se me pasou pola cabeza como mostra dun elaborador de videoxogos que tamén cultiva a súa imaxe como tal. Pero, curiosamente, si que podo ver unha influencia do QWOP neste xogo do Bacon. Hoxe en día xa non é novidade, pero aquí tamén temos unha misión que podería resultar sinxela (poñer touciño nunha hamburguesa) pero que non o é tanto polos controis (só podemos subir a tixola para golpear o touciño). Tampouco é precisamente algo como o I am Bread, pero algo do espírito abofé que comparten.

Tweets

E así foi como fun poñendo touciño enriba de cousas como filloas, monumentos, conceptos ou a rapaza esa que practica ioga cunhas curvas imposibles que fai que o condimento nunca remate de asentarse e, por tanto, non se consiga superar o nivel. A medida que chegaba á metade da segunda centena de desafíos comezaban a aparecer algúns máis e máis complicados, nos que avanzar xa non era cousa duns poucos segundos senón de varios minutos. E foi pouco despois cando decidín abandonar. E con bo criterio, xa que semella que chegar ata o final é cousa de xogar moito e todos os días. E é nese punto cando, se as azueiras son verdade, podes contactar co propio Philipp Stollenmayer para recibir un agasallo. Outra vez, as típicas cousas de Philipp Stollenmayer.

Ioga