Paper Mario. Capítulos 0-2
Atopei tres xogos de rol xaponeses na miña listaxe de xogados que, sendo os primeiros das súas sagas, nunca xogara as súas secuelas inda que tiñan boa pinta: Pokémon Azul, Suikoden e Super Mario RPG: Legend of the Seven Stars. Non sabía ben por cal comezar, así que fixen unha enquisa entre os meus amigos e saíu, con sorpresa para min, o [Paper Mario] da Nintendo 64, que fai as veces de secuela espiritual do Super Mario RPG. É a primeira vez que xogo algo desta saga, da que, curiosamente, só coñecín a súa existencia xa nos tempos da Wii. O noso Blockbuster de confianza tiña certa variedade de xogos de aluguer, onde ata collimos un par de veces o Iggy’s Reckin’ Balls, pero estou bastante seguro que non parou neses estantes nin lembro mencións nas revistas que frecuentaba.
Non tiña moita idea do que me agardaría logo da pantalla de título, pero o meu pronóstico ía por un xogo doado, simpático, agradable de ver, con proba de habilidade para os ataques e defensas e con algunha mecánica que aproveitase o feito de que Mario é de papel. Polo de agora, ese último punto non foi aproveitado, mais si que se cumpriu o resto, inda que sexa con algúns matices. A desilusión no prólogo foi grande cando pensei que non existía a mecánica do Super Mario RPG de premer o botón no momento axeitado para facer máis dano saínte ou diminuír o entrante, pero simplemente resultou que é explicado máis tarde. Porén, segue a ser preciso facer pequenas probas de habilidade en cada quenda de combate. Algunhas son interesantes, como as de ler os ataques inimigos para esquivar no intre xusto, outras son simples rituais sen dificultade, como o de darlle para atrás á panca e soltala cando a barra está ao máximo, e tamén existen outras de preguiza absoluta, como premer repetidamente o botón. Inda hai tempo abondo para que saian cousas peores, pero o de machacar o mando faime evitar elixir certas accións.
Tampouco é que sexa preciso exprimir todas as vantaxes precisas, pero si que tiven unha derrota contra os xefes do primeiro capítulo por non entender ben as súas mecánicas. Por iso e por non preguntar ao amigo goomba que analiza cada rival, algo que xa collín de rutina dende entón e facilita moito as posibles confusións. O que me temo é que, chegado un momento, estea moi atrás no apartado numérico como para plantarlle cara a un determinado inimigo poderoso. O tema do temor vén de que os niveis de experiencia semellan ser totalmente lineais, a experiencia que outorga cada vitoria tamén e que eu estou a facer ultimamente o mínimo número de combates posibles. Deste xeito entendo que podería pasarme factura a falta de niveis sen ter esa posibilidade de gañar moreas de puntos de experiencia dalgún inimigo poderoso, sen ese mecanismo habitual que nos fai tender á media noutros videoxogos de rol. Mais, se cadra, estoume a adiantar aos problemas e non confiando moito no xogo. Despois de todo cada nivel só outorga uns puntos de vida, de maxia ou de ocos para poñer máis medallas que, en moitos casos, semellan ser máis opcións de combate que unha mellora substancial.
Xa verei o que pasa no resto do xogo. Polo de agora só levo dous dos oito capítulos que compoñen esta aventura, que ten os seus momentos simpáticos pero que, un par de veces, tiven que animarme para retomar. Agora que xa entendo un pouco máis o guión e a duración de cada un pode que me anime a avanzar un pouco máis rápido. Ao final os tres da enquisa inicial eran xogos polos que tiña curiosidade, que é un sentimento que se sacia cedo, pero tamén gusto de xogalos ata o final inda que non teña obriga ningunha, que xa leva máis traballiño. Como sempre, xa estou pensando nas novas posibilidades para que os meus amigos escollan, pero penso rematar este Paper Mario antes de t preguntar.