<<

3000th Duel. Capítulo 1

A pouco de comezar este 3000th Duel apareceu un Humble Bundle que levaba, entre outros metroidvanias, o Hollow Knight. A verdade é que agora apetéceme abondo este xénero, pero os do Humble non queren aceptar os meus cartos, así que continúo co 3000th Duel, a falta de algo mellor.

Recomezo

E non é que sexa malo, simplemente ten unha mediocridade que é máis que abondo para rascar o picor dos Castlevania que teño pendentes. Todo o que se propón facer está feito de maneira axeitada, pero sen excelencias. Os diálogos e os gráficos baixan o nivel do conxunto, pero inda así son aturables case todo o tempo. Pasoume, por exemplo, que non vin unha plataforma pola que podía subir e estiven varios minutos buscando un camiño alternativo para algo que era directo. Non axuda ese estilo de gráficos que semella sacado de un xogo móbil que pretende ser comparable a xogos millonarios, cun punto de vista moi próximo á protagonista que ocupa moito da pantalla; é de salientar que atoparon que iso era especialmente molesto na parte que sae un inimigo grande, e fixeron que a cámara deixase a súa posición centrada para que poidamos loitar vendo un mínimo do rival. Tratábase dun monstro común cunha gran morea de puntos de vida e que daba unha preguiza enorme derrotar. Hai varios deses e, a primeira vez que saen, teñen a súa graza, pero logo rompen o ritmo de exploración.

Crebacabezas

E, polo de agora, o xogo non é moi áxil para explorar. Non hai habilidade para apurar máis que non sexa o botón de esquivar, e non investín nin un punto de experiencia en melloralo. Ten un sistema de niveis semellante ao Dark Souls, coa mesma leria de deixar os puntos no chan ao morrer para recuperalos na seguinte viaxe. Hoxe en día iso ofértase como algo que incrementa a dificultade, mais a verdade é que, polo menos neste caso, resúltame máis xeneroso iso co xogador que os problemas que tiven no Circle of the Moon onde perdes todo se non chegas a un punto de gardado. Ante todo porque aquí é moi doado acumular puntos de karma abondo para subir de nivel rapidamente. Supoño que se levo esta mesma mentalidade ao Dark Souls, que tantas veces fracasei, chegaría máis lonxe.

Incinerado

Decidín frear a aventura despois de cinco horas con case a metade do mapa explorado, xusto no intre que atopei o obrigado dobre salto. Mais tampouco sei de que falarei cando remate o xogo. Adiántome, sen saber se serán certas, a que a seguinte entrada terá algunhas, ou todas, destas frases:

  • A meirande parte dos xefes eran opcionais, xa me parecía a min.
  • O xefe final foi decepcionante, tanto polo seus padróns de ataque como pola triste segunda fase.
  • Tiven que mirar unha guía para obter o final bo porque non entendín o que se requiría.
  • Gastei todas as pocións que tiña no tramo final, facendo que a dificultade fora inexistente.
  • Non entendín nada da historia.
  • Hai unha expansión gratuíta, pero penso que, polo de agora, foi abondo.