<<

Qwixx

Xa vai boa que probara o Qwixx en formato físico, primeiramente na súa versión oficial e, máis adiante, nunha igualmente válida versión caseira. Paseino ben en todas esas partidas, pero nunca se me dera por xogar eu só. Confesarei que andaba na procura dalgún xogo que comezase pola letra q, xa que era a única inicial, sen contar o ñ, non presente na listaxe de xogos desta páxina. Porén, cando atopei unha implementación dixital para o móbil, fun dereito a por ela. Deste xeito, xa fico liberado para facer un pequeno proxecto alfabético que teño pendente.

Mal comezo

Fixen algunhas partidas medio de proba para lembrar as mecánicas e entender as particularidades do modo en solitario. Basicamente é o mesmo que o competitivo, pero cun número de quendas limitado (25) no que as pares fan ás veces de xogador pantasma. Unha vez pasadas esas partidas de aprendizaxe, decidín borrar todo o historial e non permitirme ningún reinicio por comezos malos. Tardei 10 partidas adicionais en superar os 100 puntos por primeira vez (102), cun peor resultado de tan só 29 puntos por querer forzar moito. Como cada partida é un universo independente sin obxectivos claros de vitoria, podemos arriscar todo o posible para conseguir os mellores resultados ata que os deuses dos dados dese universo nos agasallen eses números ideais.

102

A verdade é que xoguei totalmente por instinto, sen analizar moito o punto no que me atopaba en cada intre ou se valía a pena pechar ou non unha liña (de feito, non lembrei en ningún momento que iso aportaba unha casa de puntuación extra ata). Diría que, con coidado e moitos intentos, podería chegar a un número significativamente máis elevado e, quizais, aprender algo polo camiño. É ata probable que o faga, xa que o xogo préstase moito a ser sacado en momentos curtos. Voume por o obxectivo de superar os 120 puntos antes de 30 partidas adicionais e xa actualizarei esta entrada se o consigo! [Cheguei a 113, abondo!]

Resumo