<<

Castlevania: Portrait of Ruin. Capítulo 2

Calquera que se pasee pola listaxe de xogos pensaría que son un experto nos Castlevania, mais iso implicaría un dominio de todas as partes que, evidentemente non teño. Cando toca dar conta dos monstros non teño moito problema. Atopo doado, navegar polo castelo. Tamén tendo a lembrar máis ou menos os puntos de interese para volver nun futuro. A miña intuición funciona ben para os poucos crebacabezas do camiño, AGÁS para aquel que separa o final malo do bo. Non semella importar cantos superara, que detecte ben o momento requirido para actuar ou que estea todo bastante ben clarificado; eu ríndome mentalmente tras o primeiro fracaso e xa renuncio a darlle voltas ao tema, buscando en internet a solución. Penso que neste Portrait non era nin moi complicada, porque existen varias pistas que levan ata ela.

Brauner fillas

O máis importante é que sabía que deixara unha zona do cadro desértico sen explorar. De primeiras non puiden entrar polo burato, pero cando atopei o poder de converter as protagonistas en batracios apuntei mentalmente volver a ese oco, con certeza de que así podería avanzar igual ca por outros semellantes. Non obstante, non sabía cal das catro habitacións con cadros tiña o de area e só revisitei os tres que tiña máis a man. Evidentemente non era ningún deses e decidín unilateralmente que non había nada importante aí. Atrapallado dese xeito, perdín a posibilidade de atopar o feitizo de santuario pola miña conta. De aí, iría, sen dúbida, cara o frade vampirizado para probar a cura, momento no que o propio Eric Lecarde (o mellor protagonista do Bloodlines) reaccionará coa solución para liberar as súas fillas e evitar ese final malo que sempre me persegue. Prometo facelo mellor para o Order of Ecclesia, ao mesmo tempo que agardo que non haxa outra trampa coma esta no que resta do Portrait.

Eric Lecarde

Porque, de seguro, continuarei con esta saga, antes ou máis tarde. Estou a gozar co resto de acción e mecánicas e xa teño ganas de ver que hai detrás desa néboa misteriosa do alto do castelo. De seguro que aparecerán máis xefes contra os que loitar e morrer. Porque, a verdade, estou a perder a vida en case todos ese encontros especiais. Non é para nada preocupante, xa que son pelexas curtas cun punto de gardado ao carón nas que intento non empregar moitas das miñas apócemas curativas porque prefiro amasar os cartos ata que xa non fagan falla. Non sei se quedei coa teima do 3000th Duel, onde non eran recuperables antes unha morte, se é algo que fago polo desafío engadido ou simplemente porque vexo que non son realmente precisas cun pouco de coidado e unha boa escolla das habilidades activas.

Charotte Aulin

É un pouco mágoa que teña a Charlotte Aulin tan de personaxe secundaria, pero os ataques de Jonathan Morris continúan sendo máis cómodos e poderosos, ademais de que a feiticeira pode facer igualmente as súas maxias baixo demanda estando no segundo plano. Semella máis unha desas axudantas dun Marvel vs. Capcom, o que encaixa coa portada na que tamén se atopa un paso por detrás do rapaz, nunha pose de non molestar moito ao (futuro) verdadeiro heroe. Supoño que xa non lle faltará moito ao Morris para chegar a ter ese título, inda que, polo de agora, este americano non pode deixar atrás os seus diálogos de canalla repetindo constantemente “no problem” ou asegurando que vai “patear o cu” da mesma Morte. O peor é que, por moito que non sexa capaz de manexar o látego das lendas, logrará facer iso e moito máis. Así apareza o Príncipe das Tebras.