<<

Soul Blade. Capítulo 0

Teño moitas razóns para xogar esta primeira entrega da saga Soulcalibur. A primeira pode ser nostálxica, xa que levoume algúns cartos no seu día nas recreativas, manexando case sempre a Siegfried e premendo un único botón constantemente. Polo que sexa nunca chegaba moi lonxe xogando só, e algún outro habitual do lugar deixoume sen os meus cinco pesos (ou xa eran dez?) cun manexo moito mellor de Rock que tentei, pero non conseguín, imitar. Que Kimimi fale ben del é unha garantía de que hai algo superlativo nel. Pero a verdadeira razón pola que decidín darlle un tento é porque estou a escoitar a miúdo o disco Acrópole de Fillas de Cassandra. Aproveitando que Cassandra é unha das protagonistas da saga Soulcalibur, podo xogar unha partida con ela e plasmar aquí as miñas impresións tanto co xogo coma co álbum.

Cassandra Alexandra

Comentara nas entradas do Hades que, entre outros libros clásicos gregos ou ambientados nesa época, atopara tempo para ler o Antígona de Sófocles. A miña sorpresa foi maiúscula cando vin que a primeira canción do álbum está precisamente adicada a ela! Confesarei que non sabía nada das Fillas de Cassandra, máis aló de que as vin nalgúns carteis pola rúa o ano pasado, pero nunca me animara a escoitar algo delas, pensando que serían cousas desas que xa non entendo por ser vello. Mais o “toda a nosa historia está feita con sangue” entroume ben polo oído, e xa estaba máis que disposto a escoitar os outros 26 minutos de disco. A mestura de galego, referencias gregas clásicas, grandes aspiracións, feminismo e álbum conceptual soaba demasiado boa como para non funcionar. Se chegara a incluír algo de música metal diría que entraron directamente na miña cabeza para extraer o traballo, inda que con moitísimo máis talento do que eu podería ter feito nunca.

Cassandra de Evelyn de Morgan

E que, ademais, semella que tamén xogan comigo no terreo psicolóxico. Hai moitas outras referencias, seguramente de casualidade, a outras obras das que gozo. Cassandra, que tamén ten a súa propia pista aquí, é a miña canción favorita de Theatre of Tragedy, e se atopa dentro do álbum Aégis que, igual que no Acrópole, está adicado a varias figuras mitolóxicas femininas. Hai algo que soa no Dafne e Syrinx que me lembra a outros temas que non logro precisar, ás veces penso na Mala Rodríguez pero é difícil de casar. Non teño tantas dúbidas en que certas partes da última canción, Acrópole, si que me recordan ao Home de The Gathering, pero non sei se será algo máis de sensacións persoais que de semellanza musical. Pásame o mesmo coa banda sonora de The Leftovers e o BE de Pain of Salvation: hai certas partes que sempre penso que soan igual, pero é unha impresión que se esvaece ante un escrutinio.

Fillas de Cassandra

De calquera xeito, esa última canción homónima do Acrópole funciona perfectamente como peche. Trátase dunha amalgama do resto de cancións, festexando o que elas mesmas cantaron antes, mirando cara o pasado dúas veces. Pero de aí saímos directamente cara o futuro, coa lección máis aprendida e moita esperanza, xa que “toda a nosa historia estase a reescribire”. Un xiro que desemboca nun final tan alto coma merecido.

Xa me esquecía de comentar sobre o Soul Blade. Resulta que confundín a Cassandra coa súa irmá Sophitia, e como a primeira non sae ata máis adiante na saga pois non puiden consumar o meu plan de xogar con ela. Non importa, eu vin aquí a falar do seu disco; xa xogarei outro día. Tamén é certo que volvín coller a Odisea na biblioteca, e teño bastante máis ganas de continuar con ese libro clásico que de xogar un xogo da Playstation orixinal.