Soul Blade. Capítulo 1
Na miña casa sempre houbo música rock. Quizais por iso, coido que Rock foi o meu primeiro personaxe preferido do Soul Blade orixinal. Mais, co tempo fun tendendo cara Siegfried e o heavy metal. Comezando con Iron Maiden, rematei como seareiro da variante máis europeo-poderosa con grupos como Sonata Arctica. Para celebrar ambas cousas, planeei xogar unha partida ao Soul Blade como Rock e repasar os dous primeiros álbums desa banda finlandesa.
No seu día, grazas ao poder do buscador do Audiogalaxy atopei a canción de Sonata adicada a San Sebastián. Dende ese intre, intentei facerme con todos os mp3 que puiden. Diría que, inicialmente, todos pertencían ao Ecliptica ou ao Silence, pero iso de agrupar por traballos era algo que eu faría máis tarde. Non obstante, é doado que atopara todas soltas, incluíndo unha de Zonata que andaba mal etiquetada polas redes de distribución pirata, polo que non levei sorpresas neste reencontro. Dende as primeiras notas de Blank File sabía que estaba nun mundo ben coñecido por min.
As cancións, escritas por Tony Kakko, retratan varios escenarios diferentes, moitos cun home heterosexual como protagonista que non dubida en amosar os seus sentimentos. Como adolescente, caín nas súas fantasías, tanto as de lobishomes coma as de mozas que foxen lonxe. Se Blind Guardian era o Dungeons & Dragons do power metal, Sonata Arctica era o Vampiro. Hoxe sinto que o que me atrapa das baladas como Letter to Dana ou Tallulah é o recordo das miñas propias imaxinacións naqueles tempos. A miña vida amorosa distaba moito deses escenarios pero, inda así, espertaban en min uns fortes sentimentos de falsa saudade cuxos ecos chegan a estes días, por moito que agora vexa as verbas desas cartas a Dana como algo case vergoñento.
Pola outra banda, lembro ben os vídeos doutras cancións máis poderosas como Weballergy, Black Sheep e Wolf & Raven. Neses tempos nos que atopar e descargar cinco minutos de vídeo era máis custoso (e permanente) que agora, un selecto grupo de bandas pasaban pola nosa televisión cada venres para ledicia miña e curiosidade (no mellor caso) dos meus pais. Inda que, das novidades que eu traía aos seus gustos máis clásicos, eles só gustaban realmente de Nightwish (a miña fascinación con Tarja Turunen e amigos xa estaba en marcha, pero esa xa é historia para outro día). Hoxe tocou falar dese grupo que ata fixo que mercase unha Ibanez RG, como a de Jani Liimatainen pero en barata, para achegarme máis ao seu son (inda que sen os teclados tocando as mesmas liñas é difícil). Tamén houbo contactos para comezar a nosa propia banda de metal inspirada por eses grupos do norte, pero non chegaron a nada. Hoxe comprendo que estaba condenada ao fracaso por moito que chegásemos a ensaiar unha ou dúas veces, pero as posibilidades que tiñamos por diante cando eramos mozos semellaban moi grandes. Se cadra son esas sensacións nostálxicas as que máis marcan a miña experiencia con Sonata Arctica.
De todos xeitos, inda que froito dos seus tempos, tanto as letras coma as melodías destacáronme positivamente durante este repaso. Atópome cantaruxando My Land no meu día a día mentres agardo o intre no que poida escoitar de novo á banda. Moi contento coa experiencia, especialmente porque non agardaba moito. Pensaba que xa me graduara deste tipo de música en favor de cousas como 40 Watt Sun, cuxas narrativas veñen ser un pouco máis do mesmo pero cun ton presuntamente máis adulto.
Con Rock, o personaxe do Soul Blade, foi ben. Empreguei tres continuacións para superar a Taki, Cervantes e o Inferno final. Non aprendín moito do xogo e, sen dúbida, debería practicar un pouco para avaliar ben as súas mecánicas. Quizais este si que sexa máis semellante ao que buscaba no Samurai Shodown IV, con iso de atacar con golpes precisos e ben medidos. Seguirei investigando, quizais con Nightwish o 40 Watt Sun de fondo.