<<

Alfabetigami dispoñible

Varios anos despois de comezar este diario, ideei unha misión de xogar a xogos que comezasen polas 26 letras do alfabeto inglés moderno. Xa no 2021 só me faltaba xogar a algún xogo que comezase polo “Q” ou “Y”, logo de forzar o Ninja Gaiden, pero non foi ata 2024 cando, grazas ao Qwixx completei ese plan.

Pola outra banda, aí atrás tiven unha fase de atracción aos traballos de Jon Bois, especialmente cara eses vídeos feitos dende Google Earth. Unha das cousas que descubrín entón foi o Scorigami, e de aí saquei a idea de facer un alfabetigami cos xogos protagonistas deste diario. A idea, é amosar nunha táboa as combinacións das dúas primeiras letras dos títulos dos que xa falei por aquí (nun comezo quería só incluír as combinacións iniciais de consoante e vogal, por ser un obxectivo acadable, pero semellábame un pouco arbitrario). Polo de agora só colle as letras ao igual que saen na listaxe de xogos, pero quizais teña máis senso non contar as que comezan por “The “ ou “A “; revisarei no futuro segundo me pareza mellor. Tamén hai marxe de mellora na lexibilidade da táboa ou na súa utilidade como enlazadora, pero prefiro publicar xa esta primeira versión que xa levaba moitos meses preparada.

Pódese atopar na propia páxina do alfabetigami.