<<

Castle of Memories. Saiazul

Esperto nunha sala escura e fría, con muros e teitos de pedra. Semella un castelo, con algúns mobles tapados por sabas brancas e un espello de prata descuberto. Non lembro nada de nada, será mellor que aproveite para ver se teño algunha ferida.

Curioso. Non recordaba que tivera tanta barba cana. Nin estes lentes que levo postos. Moito menos vestirme cunha saia azul e unha camisa branca. Ambas con volantes? Non me queda mal, pero mellor sería para alguén máis mozo. Ese látego que vexo aí no chan debe ser meu, a súa sobriedade non encaixa moito coa vestimenta, pero semella resistente abondo para calquera eventualidade. Mirarei se podo saír por esa porta, polo de agora deixarei o látego enganchado na saia e empregarei ese pau que hai aí como bastón.

Atributos:
* Forza: 6
* Axilidade: 11
* Presenza: 13
* Mente: 10
* PV: 5

Caghonacona! Que demo é iso! Saia azul, camisa branca, peitos grandes, nada de barba, pezuños, cornos… non sei que diabra é esa, pero non semella ter ganas de participar na festa temática da saia azul. Carallo! Que me morde! Pois que coma látego!


E comeu o látego, e tamén me comeu a min. Tras 12 tiradas de dados sen ningunha posible decisión pola miña parte, e con tan só 5 das mesmas tendo algún resultado, viñéronme á cabeza certas sesións de Pathfinder & Dragons que prefiro non evocar. Tiña certas esperanzas neste Castle of Memories e o comezo era prometedor, pero este tipo de loitas ao estilo Fighting Fantasy semella moi fóra de lugar. As regras din que este primeiro encontro non se pode perder, xa que espertas de novo no mesmo sitio cos puntos de vista restaurados e a monstro agardando por ti (xa postos, ben podía dicir que era unha ilusión e continuar igualmente).

Está ben iso de que as regras vaian aparecendo sobre a marcha. Xusto a continuación sae o tema de sacar as cartas de tarot para asimilar as lembranzas e tamén inclúe outra mecánica de resurrección con custe. Pensei en cambiar as regras para que os combates foran cosa máis directa (por exemplo, unha única tirada que determine cantos puntos de vida perdes no encontro), pero ao final prefiro cambiar a regra que di que ese primeiro encontro non se pode perder e abandonar aquí a aventura. Foi bonito, de seguro que o tema das cartas de tarot dá para moito e non descarto darlle outro tento no futuro. Se atopo outro xogo de rol en solitario que reflicta as sensacións do Castlevania farei o posible para probalo.