Etrian Odyssey IV: Legends of the Titan. Capítulo 3
Tiña pensado agardar a avanzar un par de mundos antes de escribir outro novo capítulo aquí, pero foron tantas horas espalladas en tantas semanas que ben merecen unha entrada propia.
A terceira terra é a de xeo. Obviamente hai baldosas que esvaran, mais apañaron para non meter ningún deses crebacabezas de manobrar ata atopar a saída como si había no Shining the Holy Hark. Outra novidade interesante é a presenza de achas de lume, que farán dano ao seu redor e que poden ser destruídas cun xeo especial que tamén se atopa no alxube principal. En cada nivel tamén existe un bloque central desas achas que controla a temperatura de todo o andar, de maneira que se o estoupamos a temperatura baixa, o resto de achas desactívanse e os ríos de auga trocan en ríos de xeo, facendo aparecer novos camiños transitables. É un bo exercicio marcar todo iso de maneira clara no mapa, mais eu optei por unha solución práctica e mínima, inda que requira dun pouco de memoria e interpretación. Vaise notando, sen dúbida, a fatiga de tanto alxubeo, e non só por isto.
Tiven varias paradas longas entre unhas sesións e outras. A máis comprensible foi coa aparición das subclases, xa que non sabía moi ben onde poñer os puntos de habilidade e o xogo non é nada transparente coas mecánicas, así que a miúdo tiña que esperar a mirar o simulador nunha pantalla grande para poder trazar ben un plan. Coincidiu tamén que baixara 5 niveis a Aensland pouco antes, porque non estaba contento coa repartición dos seus puntos de habilidade [inda que todo apunte a que volverei poñer os que xa saquei], e iso foi un impacto importante nas habilidades ofensivas do grupo e de supervivencia da propia axexadora, así que non estaba especialmente motivado. Entre que me perdín coas buscas opcionais, que tiven unha morea de combates non obrigados e que non sabía que facer, xa me atopei preto do nivel 40, que desbloquea todas as habilidades. Así que fun facendo tempo ata ese fito e, inda que sufrín con todas as pelexas contra bechos grandes, claramente estaba moi riba da forza recomendada. Quizais as habilidades que escollín non sexan as máis correctas pero, chegados aquí, penso continuar deste xeito ata o final.
A historia avanza igual ca vida, sen moito senso. As propias personaxes non xogadoras deixan patente o feble da trama, poñendo de manifesto que hai un padrón claro que se repite constantemente sen vergoña ningunha: novo mundo, covas, labirinto, nova facción, nova clase, etc. Nada que me moleste, todo sexa dito, que eu estou aquí unicamente polas mecánicas. De feito, o que máis me amola de todo iso é que Larissa inda non ten a clase secundaria desbloqueada; conto con que o personaxe traidor volva con nós ao longo do seguinte capítulo e nos amose o poder dos imperiais. Claramente, encaixaría con todo o que vin ata o de agora.
É curioso que, mentres xogo, penso en moreas de cousas para escribir por aquí: as eleccións dalgunhas habilidades, como solucionei algunha loita complicada, como unha das buscas solucionábase parando enfronte a un bloque de xeo exactamente igual ao resto, etc. Pero, entre que non tomo notas no momento e que cando é hora de escribir xa nin me lembro ou non me parecen importantes, ao final quedan todas sen persistir por aquí. Se cadra podería probar un estilo máis exhaustivo, kilométrico, parando nos detalles. Esixiría tomar notas e pararse máis na redacción, pero podería quedar ben se é dalgún xogo do que teña algo que contar.