<<

Etrian Odyssey IV: Legends of the Titan. Capítulos 4-5

O desfalecemento anímico do anterior capítulo deixou paso a unha voráxine de exploración e aniquilación. No cuarto mundo case non me tiven que deter por nada, completando todas as covas na primeira incursión e só deténdome no labirinto principal para devorcar toda a bolsa na tenda e repetir. Así fixen carreira ata que o xefe final desta zona púxome algo de freo. Tratábase dun golem que trocaba as resistencias e ataques de elementais a físicas, o que me pillou por sorpresa e causou a morte do equipo. A segunda vez xa entendín mellor e conseguín aturar os ataques da fase elemental para aniquilalo no segundo ciclo. Todo iso mentres pensaba, isto non o vivín antes?

Capital esquecida

Xuraría que esta pelexa xa a loitara no The Drowned City, pero hai tantas partes do xogo que evocan a esa experiencia pasada que xa teño as miñas dúbidas. Sen coñecer máis que estes dous, diría que cada nova entrega engade un pequeno feixe de cousas novas, melloran algunhas outras, inclúe unha novidade comercial e listo. Nada que obxectar pola miña banda. Foi un pracer volver aos alxubes anteriores, en orde inversa, recuperando brevemente as visuais e os seus artefactos particulares. Foi unha parte longa, na que tocaba percorrer moitas casas para desbloquear cada novo atallo, pero o meu equipo aguantaba con afouteza, tendo que repoñer de cando en vez cando remataba Pat os seus puntos de maxia, porque o feitizo da runa definitiva é unha boa solución para calquera encontro, pero o seu consumo tamén é magno.

Logre amigo

Algunhas horas máis tarde rematei ese paseo polas zonas previas, e comecei a única planta do labirinto final, pola que avancei rápido sen moitos riscos, completando o debuxo do mapa e saboreando cada liña que pintaba na pantalla, sabendo que o final estaba preto. O encontro co subxefe final foi especialmente doado porque pasou a maior parte do tempo atordado polos ataques da miña nightstalker; notábase ben que levo dende o terceiro capítulo con niveis de máis e que non paran de subir. A última pelexa do modo historia saíu perfecta segundo o plan, contribuíndo todos os membros do equipo: • Tim: aturou todos os golpes directos cara el, mantívose sempre erguido e axudou a resucitar aos poucos caídos que tiven. • Larissa: fixo un traballo bastante oculto de potenciar pasivamente aos amigos, baixar o dano entrante e aniquilar coa súa habilidade imperial de ataque recentemente adquirida. • Aensland: foi responsable de mancar directamente á inimiga cuns números xigantes, inda que non tivo moita sorte para aplicarlle estados de alteración. • Nagax: mantivo baixas as defensas do inimigo e sacou algúns críticos que seguramente serviron para obter a vitoria. • Pat Akkah: o seu poder de aniquilación en área foi o que facía falla para dar conta rápida das mans da titán.

Xefa final

E así solucionei o entorto e finalicei a aventura. Todos están a salvo e unidos outra vez, ata que veña o Etrian Odyssey V e volva contar sobre algún novo cataclismo. Nos créditos puiden ver a todas as personaxes de Tharsis que me acompañaron durante tanto tempo, algunhas falando con novas exploradoras sobre todo o camiño que terán que percorrer se queren achegarse á sona do grupo Delga. Eu tamén estiven nesa situación un par de veces, polo que esa sensación de déjà vu está presente por derradeira vez nesta entrega. Seica inda hai algún contido máis opcional, pero aquí non deixaron moito fío solto como para que teña un impacto na historia, polo que prefiro cambiar de aires e, se cadra, retornar nunha nova entrega cun novo grupo, espero que tamén formado polos transuntos das miñas amizades.

Yggdrasil protexido