<<

Athlete Kings. Memorias dun neno xogón

Algo moi común na miña nenez era facer “trocos de videoxogos”, entendendo por tal un préstamo bilateral que hai que desfacer tras un tempo acordado ou cando unha das partes o desexe. Dese xeito pasaron pola miña casa éxitos como o California Games da Master System, o World Cup Italia ’90 da Mega Drive ou o Super Metroid da Super Nintendo. Da Sega Saturn amasei un bo feixe de xogos, pero non coñecía a ninguén que tamén a tivese para facer trocos. Mais unha vez contactei co amigo dun amigo que tamén era un ilustre dono de tal consola e que accedía a un cambio: o meu Daytona USA con manual e caixa orixinal polo seu Athletic Kings que apareceu, sen eu saber nada, na caixa doutro xogo de hóckey. O problema foi que nunca desfixemos ese intercambio, así que quedei co de atletismo ata que agasallei toda a miña colección. Dende un punto de vista lúdico, penso que non me arrepinto de nada.

Atletas

Non sei se fora este ou algún outro, pero xa probara iso de machucar botóns nas recreativas e pareceume unha idea soberbia (obviamente non imaxinaba o vella que era a idea e o canso que soa agora que, tamén eu, son máis vello). Porén, a idea de ter acceso ilimitado a eses sistemas compraceume máis cá de dar voltas ao oval do xogo de Nascar sen volante nin pedais (os outros dous circuítos pouco me prestaban). Pronto fixemos campionatos locais os tres xogadores habituais, e ben cedo tamén fiquei como gañador indiscutible. Logo comezamos a cooperar na busca das mellores marcas, o que nos levou a cambiar os controis para que calquera botón puidese ser premido para aumentar a velocidade dos protagonistas. Con esa trampa algunhas probas non se vían afectadas, outras tornábanse en máis doadas e outras acadaban marcas totalmente ridículas.

Lanzamento de disco

Non sería a única etapa na que faría iso. Xa noutra casa, con outro amigo e con outra idade, merquei unha nova Sega Saturn porque non era quen de arranxar a anterior. Volvemos xogar a moitos dos meus xogos favoritos, incluíndo o Athlete Kings outra vez co mesmo truquiño. Foi neses días cando entendín mellor o delicado de moitos récords, xa que aparentemente pequenas variacións á hora de premer o botón supoñían resultados moi diferentes. Deste xeito, apañámonos para baixar dos 9 segundos 100 metros lisos acertando con cando ía soar o disparo do comezo, ou sumando varios metros de alcance na xavelina se apurabamos a pisada uns poucos centímetros máis. Dese 2005 teño gardados os resultados, o que é sorprendente, pero máis sorprendente foi que inda lembro a orde dos eventos do décatlon. Deixo por aquí unha pequena táboa cos récords mundiais, sempre coa axuda de todos os botón para correr e engadindo un asterisco se foron conseguidos coa colaboración do meu amigo:

  • 100 metros - 8.98s* - China
  • Salto de lonxitude - 9.35m - Alemaña
  • Lanzamento de peso - 25.48m - Reino Unido
  • Salto de altura - 2.60m - Alemaña
  • 400 metros - 44.21s - Rusia
  • 110 metros obstáculos - 11.79s* - China
  • Lanzamento de disco - 81.77m - Reino Unido
  • Salto con pértega - 6.10m - Rusia
  • Lanzamento de xavelina - 96.93 - Rusia
  • 1500 metros - 3:29.87s - EUA