Monster Train. Capítulo 1
Preguntara hai uns meses a uns amigos se me ía gustar o Monster Train. As respostas encaixaban en salientar que estaba ben, pero que era bastante doado e non estaba á altura do Slay the Spire. Soaba estupendo, especialmente porque sempre caio nas garras do Spire cando non sei a que xogar, e algo semellante pero menos esixente podería ser un bo substituto. Logo dalgunhas partidas, confirmo que prefiro o xa clásico xogo de Mega Crit, pero abofé que este entrou ben e non me chega o intre de volver xogar un pouco máis.
Polo de agora só levo 8 partidas. Nas tres primeiras afíxenme ás mecánicas pero resultaron igualmente vitoriosas; inda que subía nos diferentes niveis de “pacto” non notei un incremento da dificultade. Non obstante, perdín as dúas seguintes: unha por arriscar a partida para obter 400 ouros adicionais (que case sae ben pero o ouro non era algo que precisase para gañar as loitas que quedaban) e outra por forzar un arquetipo que non funcionou porque non obtiven absolutamente ningunha carta de sinerxía. Un pouco máis centrado gañei a seguinte, perdín outra máis por non xogar ben de todo e a última foi outra vitoria coa campioa dos Hellhorned e unha marea dos seus pequenos diaños. Inda que nos compases iniciais sempre penso que non vou dar mellorado rápido abondo, as tendas para mellorar unidades e de clonado de cartas soen incrementar exponencialmente a forza da baralla ata o punto que xa é un pouco automático a partir de aí.
Tamén me gusta a variedade inicial que propón, especialmente escollendo os clans ao chou, xa que as combinacións son astronómicas se combinamos os clans, os heroes e as cartas iniciais. Agora mesmo acabo de desbloquear a facción de Umbra, inda me falta para a de Melting Remnant e teño cartas para desbloquear de todos os outros clans, polo que as posibilidades iniciais non paran de crecer. Polo de agora tendo a preferir os Awoken, non me gustan moitas das cartas dos Hellhorned e o Stygian Guard sóenme dar bo resultado se me adapto ben. Teño ganas de probar os outros dous e ver que novidades achegan, e tamén de ter acceso a todas as cartas e reliquias. Como xa dixen no Vivid Knight, non me gusta nada esta moda de agochar contido tras moitas horas de xogo a unha versión incompleta. Obteño bastante máis satisfacción co tema de gañar con todas as cartas (o que lles dá un marco dourado como sinal de recoñecemento) que cando vexo que terei máis opcións dispoñibles para a seguinte partida.
Con todo, o meu obxectivo final é gañar no último nivel de dificultade, idealmente dúas veces consecutivas. E, para entón, xa terei todo desbloqueado e non sentirei que estiven beneficiado por non ter a colección de cartas diluída con algunhas de uso máis nicho. Mais para iso falta moito e, por moito que me laie con ese detalle menor, estou gozando da experiencia e quero máis.