<<

Castlevania Legends

Inda que non se note pola maxia das entradas programadas, levaba algo de tempo sen xogar a nada. Lembrei que tiña iniciado este Castlevania Legends da Game Boy a pouco de comezar e, contando con que sería un aventuriña curta, decidín ver se podía rematala nunha noite. Non foi o caso por cousas que non veñen a conto, pero polo menos cheguei a coñecer á suposta primeira encarnación de Drácula nesta precuela que foi extirpada do canon uns anos máis tarde. Non sei que necesidade hai de facer esas cousas cando o único que se contou aquí é que Sonia Belmont foi a primeira en reiniciar o contador de resurrección do príncipe das tebras, que é medio moza de Alucard e que tivo un fillo despois desta fazaña, o que converte a esa familia de cazavampiros nunha versión do Edipo que, sen sabelo, matan ao seu avó.

Ohh, no!

Todo iso en base ao comezo, un par de charlas con Alucard e Drácula, e o final. Un final que vin completo por aí porque eu non atopei as armas requiridas para lelo completo. Ou, quizais mellor dito, non quixen atopalas. Todas semellaban estar nun desvío máis ou menos obvio do camiño directo cunha pequena sección de acción máis esixente. Semella algo ideal para premiar aos mellores xogadores e darlle máis rexogabilidade a un cartucho que non creo que chegue ás dúas horas. Tampouco axuda o poder especial de Sonia, que lle permite tornarse poderosa e invulnerable durante demasiado tempo unha vez por vida e nivel. Dese xeito moitos dos xefes poden ser derrotados coa clásica técnica de intercambiar golpes pero sen recibir dano a cambio. Os máis complicados, Alucard e a segunda fase de Drácula, caeron así sen esforzo pola miña parte, pero tamén abusei desa técnica para avanzar rápido por algúns escenarios sabendo que as vidas son ilimitadas e que podería alcanzar o seguinte punto de control sen dificultades.

Medusa

Tamén é certo que, entre uns camiños e os outros, había algunhas zonas de castigo. Non sei se fixen algo mal, pero un candil levoume a un lugar con zombis case infinitos e non me deixou saír ata que os aniquilei a todos (que basicamente era atopar o punto onde agocharse e premer o botón de atacar durante demasiado tempo), sen obter nada a cambio. Tamén outra ruta acababa nun punto bloqueado e tiven que percorrer boa parte da caverna cara o outro lado para saír de alí. Por último, xa preto do final, tamén había unha sala que pechaba automaticamente a porta ao entrar e non se abría ata derrotar a varias series de inimigos comúns. Quizais algo diso era para atopar algunha arma coleccionable, pero non as teño todas comigo de que esa fora a razón.

Castelo

Con todo, serviu para que collera a consola dúas noites seguidas e derrotase tanto a Drácula coma a ese período de seca de xogos. Ao comezo pensei que era unha mala entrega, especialmente porque os saltos son diferentes do clásico Castlevania en canto que poden ser cambiados de sentido no aire, permiten atravesar plataformas que semellan que non deberían e Sonia tamén é capaz de subir dun chimpo a alturas que lle quedan moi por riba dos pés na súa altura máxima, o cal diría que é unha aparición única do que lembro da saga. Pero ao final atopeille a graza como entretemento pasaxeiro e podería botarlle máis partidas de non ser pola gran cantidade de xogos que teño pendentes e que, agardo, aporten máis ca un par de horas de pequeno desafío. Polo menos xa teño pensado comezar outro mañá para que a racheira continúe.

Continuar