<<

Castlevania

Logo da experiencia do Super Castlevania IV decidín probar sorte co primeiro da saga na súa versión para a Nintendo. Toda a fama que tiña aquela reimaxinación de xogo doado é comparable á que ten este de difícil. Sabendo que tamén podería aproveitar as continuacións sen límite, non tiña moito medo de fracasar no asunto, así levase un mes de partidas diarias. Mais bastaron unhas catro sesións para soterrar o castelo de Drácula durante outros cen anos. Ou ata que me anime de novo a comezar outra secuela.

Porta

Os escenarios son tebrosos e bonitos ó mesmo tempo, e esa sensación de familiaridade coa saga mantense intacta dende a escena inicial ata aos chanzos finais, pasando por todos eses lugares e loitando contra todos eses inimigos que xa coñecía de versións sucesivas. Pero, inda así, lembro bastante pouco dese primeiro día xogando, no que din conta da primeira metade da aventura. Había zombis, esqueletos e morcegos que aniquilei sen problema, algún can moi veloz para os meus reflexos de novato e unha raza de humanoides acuáticos que, xunto ás cabezas de medusas voadoras, fixeron que varias veces caira por un buraco mortal. A verdade é que, ás veces, sentín que estaba xogando a algo coma o Eryi’s Action, que posicionaba os inimigos estratexicamente para provocar mortes trampulleiras. Mais os niveis son curtos abondo, polo que non é un gran esforzo repetilos, e os xefes tamén resultaron máis doados do agardado, conseguindo vitorias inmerecidas trocando golpes e improvisando malamente.

Mapa

Como era de agardar, iso cambiou nos compases finais. Algunhas pantallas podían levarme máis ou menos vidas, pero sempre vin unha progresión constante e máis rápida ca no Super Castlevania IV, ata o penúltimo bloque. As dúas primeiras partes eran longas, pero non moi complicadas, inda que máis dunha vez levei un golpe ou dous dalgún home-pulga que non manexei ben ou dalgún esqueleto francotirador cos seus ósos. O carallo era a terceira, que contiña un gran corredor cheo de cabezas de medusas e dous inimigos deses que lanzan machados e que atopaba moi complicado de percorrer na súa totalidade sen recibir dano; e cada impacto a estas alturas supoñía perder un cuarto da vida total. Todo iso para chegar ó encontro coa mismísima Morte, que normalmente causaba a miña ídem. Nese momento o punto de retorno dependía de se inda tiña vidas ou non. No primeiro caso podía chegar antes a unha nova derrota, pero no segundo podía percorrer toda a zona e chegar con auga bendita mellorada ao máximo. A vitoria veu precisamente por ese camiño máis longo e aproveitando o truquiño de deixala estancada coas augas benditas, algo que lin nunha guía.

Morte

O tramo final ata Drácula non foi moi complicado. A parte da ponte cos morcegos xigantes é memorable, pero camiñando sen parar, e con algún salto estratéxico, non é especialmente complicada. Pode que tivese que continuar unha ou dúas veces, pero foi cousas duns poucos minutos chegar ata o seguinte punto de gardado tirando de improvisación nos metros finais. Porque o Castlevania orixinal non é tan cruel e permite repetir a loita final contra Drácula tantas veces desexemos sen perigos previos, o cal é de agradecer. E incluso necesario para que alguén coma eu consiga derrubar ese castelo encantado. Porque non foron poucas as vidas que perdín contra ese xefe finalísimo, primeiro contra esa fase clásica na que el lanza bólas de lume que temos que esquivar para darlle na cachola, e logo contra a forma monstruosa, na que tamén hai que darlle na cachola. Conseguín case dominar a forma humanoide, inda que moitas veces perdía vida porque o inimigo aparecía xusto enriba de min sen marxe para afastarse. A segunda era pura improvisación e o truquiño da auga bendita non me parecía funcionar ben, así que confiei no lanzamento de cruz. A vitoria foi cuestión de picar pedra e chegou nun deses raros acontecementos nos que Drácula non se portou mal de primeiras, deixándome vida abondo para dar boa conta do encargo final.

Ruinas