Master of Darkness
A falta de que me anime co Castlevania II: Simon’s Quest, atopei outro xogo moi similar tamén para unha consola de oito bits. A Master System tiña este Master of Darkness, que é indiscutible que bebe do éxito de Konami inda que non lle quedara nin un décimo da sona desa saga. Hai que destacar que, inda que copia máis que cambia, as sensacións son moi diferentes. Aquí temos un xogo para pasar dunha soa vez na que se fai longo porque os escenarios son moi longos, pero rara vez teremos que repetir algunha parte, xa que a dificultade é baixa principalmente por mor da gran cantidade de golpes que pode recibir o doutor protagonista.
De feito semella que as decisións de deseño fixéronse para clonar un Castlevania pero quitando as frustracións máis comúns (agás que se apañaron para incluír unha nova intentando facer que troques a arma principal pola feble daga antes de cada combate contra un xefe). Para conseguir iso, ademais de incrementar a resistencia do protagonista, permiten cambiar de rumbo no medio dun salto, non hai morte instantánea por tirarse por un oco cara un nivel inferior, os impactos non fan que o noso personaxe saia voando moitísimo cara un burato situado estratexicamente… De feito, o deseño de niveis non é moi coidado e todo semella posto ao chou, especialmente comparado con esa atención ao detalle de poñer o morcego no sitio axeitado para amolar máis no Castlevania III.
A miña aventura particular empregou dúas continuacións que, nunha boa integración coa temática, hai que confirmar nunha ouija. A historia vai de algo como que Jack o Destripador está a facer das súas, pero a realidade é máis sobrenatural e acabamos matando a Drácula nunha loita final en dúas etapas, coa clásica liña de “mentres haxa maldade nos corazóns das persoas” (isto último é unha liberdade miña, coido que non di nada así pero tampouco me estrañaría). A través de catro longos niveis e un último labirinto máis curto que racha algo da linealidade anterior, inda que hai varias partes previas onde podemos escoller camiños. Supoño que, logo da miña primeira vitoria, e sabendo máis ou menos como son as partes máis complicadas, podería repetir a fazaña sen continuar para corroborar a miña mestría. Hai uns anos faría algo así, coma no Mighty Morphin Power Rangers: The Movie, mais penso que non paga a pena adicarlle máis tempo.