<<

Itorah

A miúdo bótolle un ollo aos logros antes de comezar cun xogo novo, por se hai algo que teña que ter en conta durante o percorrido do mesmo. Neste Itorah había dous que me destacaban: falar con todas as personaxes e rematar a aventura en menos de 5 horas. Supuxen que o primeiro non sería moi complicado se prestase atención, namentres que o segundo seguramente estaría fóra do meu alcance na primeira incursión. Con iso en mente comecei a historia, coa súa introdución na que non pasa moito máis que o tempo. Seguramente sexa un problema meu, pero non me decatei da maior parte do argumento, tampouco é que me interesase moito, a verdade.

Sol

Mais iso non foi por bulir todos os textos, xa que a velocidade máxima dos mesmos está limitada e non é nada elevada. Por tanto, a presión de premer o botón “B” para saltar toda a conversación está aí, inda que eu me mantiven forte e non recorrín a ese atallo, máis por principios ca por outra cousa. Foi máis complicado loitar contra ese instinto a medida que me aproximaba ao final da aventura, xa que notei que o tempo nesas cinemáticas contaba para o logro das cinco horas, e semellaba que non ía estar moi lonxe de acadalo. De feito, cheguei á pelexa final con doce minutos de marxe, o que aumentou a tensión desa loita e provocou que morrera (por primeira, segunda e terceira vez) por tentar apurar moito e intercambiar golpes sen parar. Recoñecerei que non estiven moi fino aí, pero a verdade é que esa estratexia servía ben en boa parte do xogo, algo que, certo é, tamén funciona en clásicos máis complicados coma o Castlevania III. En todo caso, foi abondo para superar o conxunto en menos de cinco horas e apañar, por tanto, o logro.

Vulva

É certo que na parte de exploración fun a fume de carozo. No comezo si que fun loitando contra os inimigos que aparecían na pantalla, pero comprendín cedo que os puntos de recompensa que outorgaban non compensa o traballiño que dan, especialmente as variedades voadoras. Así cheguei a un estilo de xogo no que miraba a dirección do destino no mapa e corría cara alí, atravesando canto monstro atopase, sabendo que podería restaurar a barra de vida nun punto de gardado pouco máis adiante, coma no Outland. De cando en vez, por mor do baixo nivel vital, tiña que pausar o ritmo para avanzar con máis coidado sen arriscar unha morte; e era xusto entón cando máis se notaba a capacidade de absorción de golpes das protagonista, xa que ese tramo final inda daba para recibir moito castigo.

Inimigo alto

Non foi, por tanto, un gran desafío, agás a parte da ambientación. Non hai moito no que destaque o conxunto, e algúns movementos como os chimpos dun aro a outro daban certa sensación de non estar moi refinadas, pero tampouco hai ningún fracaso no deseño, polo que resulta unha experiencia correcta completable en menos dunha ducia de horas.

Constelación