<<

Outland

Outland é unha mestura de Ikaruga e Metroid, mais apáñase para romper cunha característica principal de cada un deses xogos con pouca delicadeza e resultados nada idóneos.

Historia

Do xoguiño de naves temos o tema da polaridade en formato luz/escuridade (de cores azul e vermella, respectivamente), de maneira que o protagonista obvia as boliñas da cor que viste pero só pode danar aos inimigos da oposta. O sistema equivalente do Ikaruga obriga a ter moito ollo co intre no que cambiamos de cor e cos disparos que lanzamos, de maneira que consigamos eliminar aos obxectivos sen morrer no intre de recibir un único impacto. Pola súa banda, no Outland, temos varios puntos de vida que teñen que ser reducidos antes de morrer. Tras cada golpe, poderemos absorber un par de segundos de balas antes de perder o seguinte, algo que combinado co tema dos escudos de cores, o xuntos que están os puntos de control, a velocidade que acada o protagonista e o relativamente doado que é recuperar os puntos de vida, fomentan unha actitude de correr cara diante sen preocupacións, contando con aproveitar a invulnerabilidade para pasar polas zonas máis complicadas. De feito, iso fixen na meirande parte das ocasións con efectivos resultados para todos os capitóns que levaba. Polo menos tiveron ollo de non permitir recuperar máis de tres puntos de vida matando inimigos, pero a execución precisa para superar un desafío baixaba con cada mellora de vida que mercaba.

Escudo azul

Xa que, no lugar de ter que explorar coma nun Metroid para completar o mapa e atopar melloras, é máis que abondo con deixarse guiar polas luces ao estilo do Monster Hunter: World, abrindo o mapa de cando en vez para ver todo o escenario sen limitacións, incluíndo unha marca clara do destino actual. É case directo adiviñar onde están agochados os coleccionables e as estatuas con melloras, pero non paga a pena investir nada de tempo en apañalas porque non aportan case nada ou, incluso, pode que non teñamos cartos abondo nese intre para pagar a mellora. Eu aprendín a lección e decidín non mercar as melloras de enerxía para executar máis ataques especiais, xa que valoraba moito máis o de ter a oportunidade para gañar máis puntos de vida nun futuro que esa enerxía que poucas veces utilizaba, máis que nada porque non eran nada precisos para avanzar, tardaban en recargarse e, debido a iso, esquecíame da súa existencia.

Araña

Unha vez superadas a toda velocidade as varias áreas dun nivel, era hora de aniquilar o xefe dese mundo. Polo xeral non tiñan moito truco unha vez comprendidos, pero aquí si que se coidaron de impedir as vitorias pola forza, xa que son pelexas longas, con fiestras de ataque, que non se poden solucionar cun simple intercambio de golpes; de feito, non é complicado saír delas sen perder ningún punto de vida (agás a do dragón, diría eu, que esas bombas caendo non deixaban moita marxe de movemento). Todo culmina na loita final cotra as irmás que aparecían no prólogo, pero non sabía nada delas porque a historia semellaba aburrida e eu vin facer parcours e destruír xefas, e xa non quedaban parcours por facer. Levoume poucos tentos entender o mecanismo da loita, e algúns poucos máis en comprender que a paciencia era a clave do éxito; as verdadeiras irmás inimigas eran as agullas do reloxo. Con todo, foi tenso e divertido, coa lixeiramente longa duración do encontro engadindo unha razón de peso para ser tomado con calma, ao contrario que nas partes de correr.

Xefas finais

É unha mágoa, por tanto, que esas sensacións non estiveran máis presentes no resto das cinco horas que xoguei. Se cadra a idea, ao igual ca no Ikaruga, sexa fomentar o modo de puntuación no que teremos moitas maneiras de sumar e no que planear ben a ruta pode ser igual de importante que a execución (algo que semella ser unha característica tamén do xogo de naves, con debates de xogadores expertos sobre si é demasiado guiado nese aspecto e non precisa a habilidade técnica doutras xoias do xénero). Eu non teño pensado profundar máis por aquí, inda que non descarto aproveitar a similitude do nome e pasarme ao libro Outlander, con esa premisa tan famosa que deu lugar a multitude de copias máis ou menos cacheiras.