Brotato
Despois do meu desesperante paso polo Vampire Survivors, e o curto intento no Nomad Survival, non tiña pensado achegarme máis a este xénero, pero agasallaron este Brotato en algures e confiei no criterio da xente que coñezo que xogou e botou varias ducias de horas. Polo de agora non chego a eses números, e tampouco penso xogar tanto, pero podo adiantar que é o meu bullet heaven preferido dos poucos que coñezo.
A razón principal é o sistema de roldas curtas. Tras 20-60 segundos temos un descanso para mellorar a nosa pataca cos puntos que adquirimos ao eliminar inimigos na parte de acción. Todo o foco de desenvolvemento apuntou a que ese bucle funcione ben, sen necesidade dunha narrativa para contextualizar esas aniquilacións, complicados sistemas para desbloquear máis opcións ou segredos que requiran dunha guía. E funciona moi ben porque o resto das partes tamén están feitas con xeito: as partidas non duran moito, hai unha morea de personaxes que serven tanto para adaptarse ao xogo da persoa xogante como para que ela se adapte ás diferentes opcións. Supoño que obter unha vitoria no nivel máximo con cada pataca é un bo medidor de dominio das mecánicas e un obxectivo cara o que apuntar, pero eu estou satisfeito coa miña única vitoria nese quinto nivel (e aproveito para agradecer que non sexan 25 niveis de ascensión coma no Monster Train, outro acerto).
Non atopo maior interese en facer unha crónica das partidas, xa que se poden resumir nas condicións iniciais e finais da mesma. A miña primeira vitoria no nivel máis complicado foi co cabaleiro cunha morea de armadura e armas de rango curto. Foi a primeira vez que montei unha combinación que se podía pasear sen problemas entre as filas inimigas, é algo pouco elegante comparado cos estilos aos que tendo, pero non podo negar a súa efectividade e o ben que me levaron as características do cabaleiro ata ese punto.
O complicado vai ser agora deixar de xogar. Non tanto porque sexa o xogo definitivo, senón porque esixe moi pouco esforzo mental xogar unha nova partida. Agora mesmo estou co Furi a medias, e non sei nada da seguinte loita: canto tardarei, como de esixente será, como de duro mentalmente será abandonar para tentalo de novo outro día, etc. Pero no Brotato todas esas incertezas non son tal, de maneira que sei que, en poucos minutos, estarei na terceira rolda vendo que mercar para superar os desafíos que xa sei que veñen. É moi sinxelo, moi atractivo, moi ben feito, pero eu fico con sensación de pasatempo no que me movín case automaticamente e non saquei moita ganancia.


