Secret of Mana. Memorias dun neno xogón
Troquei, durante varios meses, o meu Terranigma novo por un Secret of Mana que, inda que tan só foi publicado tres anos antes, xa me daba sensación de antigo. O meu amigo, que tamén me levaba uns tres anos e era un verdadeiro xogón dominando xogos coma o Shadow over Mystara, vendeume bastante ben o comezo do xogo coa inexorable caída da fervenza e a recuperación da poderosa espada de maná, polo que, cando cheguei a casa, puxen as mans no mando e comecei a gañar puntos de experiencia. Gustábame moito ese sistema, xa que permitía obter poder dun xesto empírico, inda que lento, pero non podía imaxinar o tempo que investiu o meu amigo para acadar o máximo nivel en todas as armas, maxias e personaxes, xa que o contador de horas tamén estaba maximizado a 99.
A miña aventura comezou poñéndolle ao heroe protagonista o meu nome real, atopando primeiro a chica, salvándome dos trasgos, e logo o feérico, ambos con nomes de amigues da escola (case, porque tiven o dela non entraba enteiro). Con eles vivín non poucas horas de aventuras, pero tamén moitos fracasos, polo que me quedou moito por explorar unha vez que quedei atascado. Como tiña a partida gardada do meu amigo, empreguei eses outros personaxes máis poderosos para pasearme polo mundo e ata superar a xefa final sen moito esforzo. Xogo completado? O que é seguro é que ficou o xogo aparcado algunhas semanas máis ata que volveu para a súa casa orixinal e obtiven o Terranigma de volta.
A Super Nintendo entrara pouco antes na miña vida, e xa dende o comezo quedou relegada a xogos dun único xogador porque nunca merquei un segundo mando. Por tanto, nunca xoguei esta copia do Secret of Mana con compañía. Anos máis tarde, convencería a un amigo para probar nun emulador ese modo cooperativo nada frecuente nos xogos de rol de acción, pero non foi a experiencia definitiva que eu imaxinaba, así que tamén rematamos a aventura cun abandono. Polo menos serviume como impulso para o intento definitivo no que si que derrubei a besta de maná con todo o camiño anterior feito sen axudas.
Con todo, lembro mellor, e con máis cariño, a primeira etapa na consola de verdade. Igual que antes, tamén imaxino, no fundo da miña mente, que o modo trixogador con dúas amizades de inquedanzas similares podería ser unha marabilla de experiencia, pero hoxe en día coñezo moitas mellores maneiras lúdicas de pasar tres ducias de horas e o complicado que pode ser aliñar tres persoas durante todo ese tempo. Por tanto, coido que me satisfago con estas lembranzas, minimamente refrescadas coa partida ao Final Fantasy Adventure, e con algo de ánimos para continuar coa saga no Seiken Densetsu 3.



