Ganbare! Super Strikers
Andaba na procura dalgún videoxogo de fútbol americano por quendas, que non sexa o Blood Bowl. Semella que podería ser un tipo de adaptación axeitado, sabendo que tamén o deporte, para a súa acción, divide o xogo en quendas de ataque ben definidas. Pensei tamén que o estilo dos xogos orixinais de Captain Tsubasa poderían encaixar coa versión americana do fútbol, pero non me vou meter eu en facer nin unha proba de concepto. Ficarei atento aos experimentos en xogos de mesa, máis por curiosidade ca por que os vaia xogar, porque polo de agora tereime que conformar con este Ganbare!, que é de fútbol europeo, pero que vai por quendas. Na práctica é unha historia típica de Captain Tsubasa con toques do Inazuma Eleven con mecánicas ao xeito do Football, Tactics & Glory.
O alcance deste Super Strikers non é tan alto como nesas franquías, así que é de agardar que todo estea máis contido. O modo historia non é máis que unha serie de encontros futbolísticos, cunha pequena presentación do equipo rival. A primeira metade son partidos entre equipos pequenos e menores, pero logo os mellores xogadores, xa sexan nosos ou rivais, formarán parte do equipo de Xapón que disputará unha sorte de copa mundial contra as seleccións doutros países. Ese troco de categoría tamén ten impacto no tamaño do campo e o número de xogadores presentes, así que tamén serve para forzar un pequeno troco das estratexias que aplicaba nos outros casos.
Na parte táctica non hai moito truco, sempre e cando lembremos que existe a regra do fóra de xogo, inda que é posible trampealo pasando o balón a un oco libre onde o xogador, en clara posición antirregulamentaria, o poderá recuperar e xutar a meta. Avanzar a nosa liña defensiva tamén é unha estratexia bastante útil, xa que os rivais terán que volver atrás para poder recibir o balón, basicamente freando as posibilidades de contraataques rápidos. Tamén é certo que é un comportamento forzado pola intelixencia artificial, porque se considera que non pode poñer aos seus xogadores (varóns, aquí non hai ningunha rapaza) nunha posición legal, lanzará un pase sobre o que o árbitro non dirá nada. Pola outra banda, se queremos facer unha defensa totalmente efectiva, poderemos meter un xogador coa pelota nun recuncho do terreo de xogo e rodealo con compañeiros. Dado que non é posible que dous personaxes ocupen a mesma casa, nin sequera temporalmente nun movemento, os rivais non se poderán achegar de ningunha maneira posible, garantindo o final da metade actual do partido sen riscos para a nosa meta.
Esta non era unha táctica que quixese empregar, inda que a albisquei ben cedo, pero logo de ter que reiniciar varias veces varios partidos porque quedaba conxelado ao xogo no medio dos partidos ao escoller habilidades, decidín facer o preciso para chegar ata o final como sexa. Non conseguín obter todos os desafíos adicionais, que outorgan obxectos para mellorar a nosa formación, pero tampouco é que foran totalmente precisos, xa que só perdín un partido, que foi nos penaltis e por non me esforzar moito ao non querer forzar o erro que conxelaba o programa. Diría que, se non fora por iso, si que repetiría os encontros con ánimos para obter ese último logro, pero con este risco xa non me apetece [NdE: si que me apeteceu unha semana despois]. Quizais volverei na procura de fútbol americano, e non descarto máis Blood Bowl se atopo as ganas e un desafío axeitado que non sexa multixogador.



