Slay the Spire. Capítulo 12
Non foi planeada a volta ao Slay the Spire, pero encaixaba ben para xogar tranquilamente sen a preguiza que me daba o Panzer Dragoon Saga nin o continuo sentimento de baleiro tras perder outra rolda no Brotato. Porque o sentimento de baleiro tras perder outra rolda no Slay the Spire pode semellar similar, pero é peor porque as partidas tenden a durar máis. De socate, sen me decatar, pasou a ser o meu xogo principal outra vez máis. Xusto falei cuns amigos que anda na ascensión do robot e que estaba a ser un pouco frustrante cando, tamén de súpeto, enlacei con el varias partidas prometedoras.
A primeira foi no nivel 18, logo de varias derrotas consecutivas, cando xuntei unha desas barallas que comezan poñer poderes en xogo todas as quendas ata escalar arbitrariamente. O problema era o bloqueo, pero nesta altura o corazón do final tan só fai un punto de dano por carta xogada, polo que non precisaba tanta sutileza como na dificultade máxima, así que din apañado unha vitoria. A seguinte, na ascensión 19, foi menos triunfante, e pola metade do terceiro acto decidín que era imposible vencer o corazón, e moi complicado superar o lobo que aumenta a súa forza cos meus poderes xogados, así que abortei o de conseguir as chaves vermella e verde que me faltaban, pasei de incorporar máis poderes, e fixen o posible por superar ao xefe final de acto. Non o xoguei perfecto, pero foi abondo para obter esa vitoria parcial que permite igualmente acceder ao seguinte nivel de dificultade.
Lembraba que conseguira dúas vitorias consecutivas contra o corazón no 20 de ascensión coas outras dúas personaxes iniciais, pero cando vin neste mesmo diario que iso non fora así, que realmente só tiven unha taxa de éxito do 10% coa silente. Grazas a esa revelación, a miña tensión baixou bastante: xa non estaba obrigado (por min mesmo) a conseguir dúas vitorias consecutivas, e podería tentar igualar ese 10% neste robot. Non sería doado, pero semellaba factible. Dinme dez partidas totais para conseguir ese fito, antes de trocar de xogo.
A primeira desas dez comezou extraordinariamente ben: troquei a miña reliquia inicial e tres ataques básicos por tres cartas melloradas: unha agregación, un raspar e un reciclar. Nos primeiros andares atopei sunder, streamline e rebound. Decidín investir cedo nun xeado, e dende aí o plan fíxose só. Con todo, xoguei bastante mal, con detalles como pasar a quenda sen xogar unha defensa porque non contei ben a enerxía que me restaba ou esquecer que se duplicaba a primeira carta de cada quenda en intres bastante importantes. Xa tiña unha baralla ridícula, que podía gardar e sumar ducias de enerxía antes da primeira actuación rival. Tiven que parar antes de rematar, e pasei o día seguinte pensando que ía ser complicado que funcionase contra o xefe finalísimo, pero na segunda metade do terceiro acto sumáronse moreas de tesouros que cubriron os buratos que levaba. Non era o conxunto de cartas definitivo para o corazón, porque as duascentas orbes de lóstregos que canalicei na mesma carta eran máis do límite de dano de quenda, pero aquí si que xoguei ben os naipes e, con mestría, conseguín unha vitoria en ascensión 20!
A seguinte partida non tiña mala pinta, con máis de 400 moedas de ouro para gastar na tenda do cuarto andar, mais notei que estaba canso e tomei unha morea de pequenas malas decisións que remataron cunha derrota no segundo acto. Soñaba con esa segunda vitoria consecutiva, pero fiquei contento coa anterior e agora podo descansar un pouco. Xa veremos cando lle toca á vixiante.



