Children of Morta
Tiña certa atracción por este Children of Morta sen saber nada del, de feito pensaba que era un roguelike deses clásicos, por quendas. Entre que vin como era realmente, merqueino nun conxunto e finalmente o xoguei pasou tanto tempo que, unha vez na miña biblioteca, volvín crer que era un roguelike por quendas, ao estilo do Rogue, claro. De feito, cando comezou e preguntoume a dificultade, dicía que o nivel máis complicado era para xente que quixese un desafío e tivera experiencia cos roguelikes. Pensei nas miñas horas no NetHack e a miña preferencia polos desafíos de videoxogos, pero nin se me pasou pola cabeza que roguelike no 2019 significaba outra cousa.
Confesarei que The Binding of Isaac nunca me gustou, inda que quizais tería que xogar algunha outra vez para artellar mellor os motivos. Poucos máis roguelikes de acción desa década probei, pero cousas como Nuclear Throne tampouco foron do meu agrado. Este Children of Morta bebe desas fontes para ofrecer partidas curtas de acción, con melloras temporais ao chou e un sistema de melloras permanentes que axudan a que cada incursión poida aumentar o poder do grupo. Pero ademais ten un compoñente narrativo importante, coa historia da familia protagonista contada cos avances na aventura, tamén entre partidas fracasadas e incluso dentro dos propios alxubes. Semella unha derivación do Hades, inda que evidentemente non o é porque foi publicado un ano antes. Moi inspirador, a pesares de non ter o carisma do helénico, pero non me cativou en ningún intre. Eu só vin aquí para matar monstros e subir de nivel, como se isto fora o Diablo.
E un trisco de Diablo foi o que atopei. A influencia está aí, pero as habilidades e controis son tan simples que, xunto coa ausencia de obxectos equipables, deixa só uns trazos da atmosfera do de Blizzard. E, ao final, faise pouco para os que non gustamos destes roguelikes de acción. Pronto comprendín que non pagaba a pena pelexar contra os monstros se non bloqueaban o camiño, e conseguín perder partidas abondo en menos de dez minutos para desbloquear a arqueira, que era máis axeitada para o meu estilo de xogo, inda que non me permitía apurar tanto.
Grazas ás súas frechas, conseguín chegar varias veces a araña que fai de primeira xefa. Foron varios fracasos, pero con insistencia, práctica e melloras permanentes acadei o buscado éxito, podendo acceder á seguinte parte do alxube. Era máis do mesmo, pero os inimigos tiñan máis vida e facían máis dano. Os novos personaxes eran tamén corpo a corpo e non me interesaban, polo que rematei baixando a dificultade ao nivel normal, superando por moito os niveis onde estaba atracado e bloqueándome de novo nos seguintes desafíos. Quedoume bastante por descubrir, pero confirmei que este xogo non é actualmente para min.


