Donkey Kong Country
Inda que xoguei bastante á súa terceira parte, neste Donkey Kong Country nunca o toquei en físico nin pasei do primeiro mundo. Non obstante, estivo presente na miña vida lúdica a través dun VHS que daban coa Hobby Consolas, onde se nos tentaba vender que ser probador de xogos e comer bananas era o máis guai do universo; eu recoñezo que o semellaba, con esas gorras do revés e todo. Pero esa publicidade nunca funcionou en min, así que comecei este ano convencido de chegar ata o final deste clásico. Despois de todo, como de difícil pode ser cando hai puntos de gardado?
Os primeiros niveis son doados, como non podería ser doutro xeito, e animan a correr a toda velocidade, rebotando de inimigo en inimigo e abusando dese incremento esaxerado de velocidade cando arrasamos cun inimigo facendo pinchacarneiros. Isto último é algo que só fixen nese comezo, xa que nos sucesivos mundos hai que andar con pés de chumbo a non ser que coñezas estupendamente a contorna, cousa imposible nunha primeira pasada e que, moitas veces, é máis complicado por mor da pequena área de visión e efectos como a neve que non deixan ver case nada, polo menos na miña versión emulada nunha pantalla moderna. En ningún momento alucinei cos gráficos e, de feito, atópoos máis feos e confusos que espectaculares. Realmente, non creo que variara ese criterio por moito que me retrotraia tres décadas, mais coido que hoxe podo apreciar mellor esa música dos niveis acuáticos que escoitei con atención por primeira vez.
O que seguro que non apreciaría tan ben con dez anos é o elevado da dificultade. No comezo acumulei bastantes vidas e, inda que morría de cando en vez, o contador non deixaba de subir. Pero chegou un punto, en torno ao cuarto mundo, que os números cambiaron de sentido, achegándose perigosamente a cero. Máis ou menos fun apañando, ata que chegou o quinto mundo e vin a triste pantalla de derrota. E máis triste fiquei eu ao decatarme que perdín progreso e que tería que repetir os últimos e complicados desafíos, xa que non podemos viaxar libremente ao lugar de gardar partida en mundos anteriores, tendo que superar uns poucos niveis antes. O peor de todo é que empezaremos de novo con cinco vidas, que non foron abondo para avanzar ata Candy e persistir o avance. Así que me paseei varias veces polo nivel inicial ata acumular máis de vinte vidas. Conseguín chegar ata o sexto mundo, onde vin reducidas de novo as vidas a cero. Repetín o granxeo de bananas e, esta vez si, foi abondo para rematar o xogo.
O último nivel é contra o xefe crocodilo, ten varias fases e rompe cos doados que eran ata ese punto os xefes de cada mundo, sendo case fases de bonus. Inda que percorrín todos os niveis para chegar ata aí, a porcentaxe de completeza deixaba ver que me faltou moito por xogar. En realidade, para maximizar ese número hai que atopar todos os segredos en cada recuncho, moitos dos cales semellan case imposibles sen axuda. Eu quedei contento coa experiencia ata entón, cheo de experiencias moi intensas pola dificultade dos niveis e apreciando moi ben toda a variedade atopada ata entón. Sen dúbida, precisaba de toda a miña vida lúdica previa para gozar axeitadamente deste primeiro Country. Supoño que nalgún intre continuarei a saga coa segunda parte, ou quizais volva antes un pouco ao Marsupilami para comparar mellor ambas experiencias.



