Heavy Spoilers RPG: The true identity of the final enemy is the hero's father
Heavy Spoilers RPG: The true identity of the final enemy is the hero’s father é un videoxogo de rol xaponés onde o pai do heroe é a verdadeira identidade do inimigo final. Polo camiño ata o final, onde agarda o pai do heroe agochando a súa verdadeira identidade, haberá destripes a cotío, comezando polos nomes do grupo protagonista, como Priest Gonnadai Rightaway, que desexa vivir ata os cen anos, ou poderosos inimigos como Demon Lord Dahee Rosfather. Poderemos estar seguros de que non nos esqueceremos de ningún, como o de que o inimigo final en realidade é o pai do heroe, porque o repetirán unha e outra vez, igual que as brincadeiras. Algo que ten certo mérito porque todo o xogo ten voces humanas, en perfecto xaponés, iso si. Que tampouco é que sexa moi longo, porque tardaremos unhas dúas horas en chegar ao inimigo final, o pai do heroe, pero non deixa de ser un xogo de balde feito con RPG Maker.
Un orgulloso xogo feito con RPG Maker, debería dicir. Ao contrario que outros deseños, coma o To The Moon, aquí non se agocha nin un pouco o seu uso, empregando incluso os actores por defecto, outorgándolles unha nova personalidade. Eu non controlo case nada dese mundo, mais foi positivo este encontro, e esta lectura, porque coido que trocaron o prexuízo que tiña respecto a tomar ese tipo de atallos gráficos. Supoño que é o típico curtocircuíto mental que me protexía de traballos non moi finos, xa que teño algúns na miña colección protagonizados polo mesmo extraterrestre porque era parte duns debuxos ofertados de balde para o desenvolvemento de videoxogos, e ningún deles era moi apetecible. Hoxe en día, co tema da intelixencia artificial xenerativa, mudo o meu prexuízo para eses casos que sexa capaz de detectar.
Atopei tamén satisfacción nas mecánicas de combate por quendas, inda que manteñen a estrutura dos derivados do Dragon Quest, rara é a habilidade que non ten algún efecto secundario interesante, polo que, nas pelexas máis longas, teremos que administrar ben os seus efectos para obter a vitoria antes de que os inimigos acaben co noso grupo, un pouco ao estilo do Etrian Odyssey. As penúltimas batallas foron bastante intensas e divertidas (e aprendín agora que hai unhas secretas e máis desafiantes logo de rematar o xogo, por se fico con ganas de máis) pero antes dos créditos intuín que a verdadeira identidade do inimigo final era o pai do heroe e decidín perdoar a súa vida. Non sei como cheguei a tal conclusión. A historia ata ese punto estivo entretida, ante todo cando comeza a xogar cos destripes obvios para dar unha reviravolta e provocar a sorpresa. Todo moi simpático, resumido, agradable e sen contido dubidoso.

