<<

The Elder Scrolls III: Morrowind. Capítulo 1

Morrowind. Ese nome que evoca inmersión total nun dos xogos favoritos de moita xente. Eu xoguei como unha vintena de horas, xa nos tempos do Oblivion, e non me atrapou. Lembro a vila do comezo, un mago que aterra dende a estratosfera, unha mina chea duns seres estraños, uns inimigos voadores moi molestos, e pouco máis. Non sei por que decidín volver a estas terras, sabendo que nin probei o Skyrim, pero aquí estou xa listo para comentar os curiosos primeiros sesenta minutos da miña partida.

Misión

Escollín unha maga de batalla nórdica, para non me perder o sistema máxico do que tan ben falan pero mantendo unha solución doada para baixar inimigos a golpes. Despois das introducións como forasteira, xa era libre para ir onde me petase, polo que fun a unha torre ben preto de alí para ver que me agardaba, ademais dun cangrexo co que loitei durante un minuto mentres trataba de entender como facer os distintos ataques co control da Steam Deck [logo atoparía a opción de “empregar sempre o mellor ataque”]. É probable que boa parte das miserias que atopo veñan de xogar nesta plataforma en modo portátil e sen mods de ningún tipo, xa que é incómodo ata para ler, pero a comodidade do sofá e o botón de suspensión triunfan sobre calquera problema visual.

Letras

Unha vez xa dentro da torre, falei cunha muller que me recomendou repartir cartos para que a xente solte a lingua. Dinlle 17 moedas de ouro, que por moito que sexa novo aquí parece unha barbaridade de diñeiro, e enfadouse comigo, dicindo que que tipo de persoa pensaba que era ela. O seu nivel de amizade comigo baixou substancialmente e quedou cos cartos; ese é o tipo de persoa que é, supoño. Por sorte deixoume saír da súa torre e fiquei libre para lle devolver un anel a un novo amigo e mercar outro que non precisaba a outro novo amigo. Ao final si que é posible mercar amizades.

Laza

Seica había unha cova de escravistas preto de alí, así que entrei a ver se había traballo. Atacoume unha muller nada máis entrar, así que entendo que non hai vacantes. Vencina con maxia logo de cargar partida media ducia de veces, saín durmir fóra para rexenerar vida e maxia (aquí non sube en tempo real), pero moitas veces espertábame un asasino con pintas de vir dun alxube sexual e matábame sen ter opción de fuxir máis de vinte metros. Cargar partida, durmir e cruzar os dedos para que non apareza. Finalmente esqueceuse de vir e puiden seguir explorando a cova escravista.

Asasino

Dentro dela había tres escravos, que liberei ben rápido, e un mago que me queimaba sen que os escravos liberados fixeran nada para me axudar. Carguei partida e repetín varias veces, ata que descubrín que podía agardar detrás dunha columna, vendo como o mago gastaba toda a súa maxia contra a pedra, ata que decidiu atacar cun coitelo e, por sorte, así puiden vencer coa axuda dos feitizos que gardei. Faltaba unha terceira escravista, á que tamén matei logo de gardar partida e descansar. Ao final, por moita inmersión que pretenda ter, non hai maneira de esquivar que a morte vén rapidamente pero que se pode desfacer cargando a partida gardada dous minutos antes.

Agochado

Rematei de explorar a cova, vendín o botín na tenda da vila (gustoulle un dos vestidos ao mercador e o puxo de contado) e fuxín cos cartos a Balmora, empregando o transporte público. Gardei partida nada máis chegar, vendo esas edificacións que, a verdade, semellan do Panzer Dragoon Saga. A ver cantas veces a teño que cargar esa partida.