<<

Donkey Kong Land III

Non son eu desas persoas que pensan no imperio romano todos os meses, mais gusto do seus números coma o que máis. Non obstante, pasar do Donkey Kong Land 2 ao Donkey Kong Land III é máis raro que o feito de que todos os camiños cheguen a Roma.

Avó

E non comezaría o escrito deste xeito se tivese algo substancial do que falar. Respecto do Donkey Kong Country 3 conserva o dúo protagonista con case as mesmas habilidades: seica o bebé xigante podía chimpar pola auga no orixinal, pero foi unha técnica que non coñecín ata rematar o xogo. Por tanto, pasei máis niveis abusando da posibilidade de planear coa mona do que debería, un pouco coma no Super Mario World coa capa, pero menos esaxerado. Todo iso co indicador de vidas ao máximo, e non trocou en ningún momento: as poucas derrotas ían equilibradas por vidas extras a esgalla.

Choros

Foron pouco máis de dúas horas de paseo lineal, porque non ten ese mundiño aberto do seu curmán maior. Os niveis eran semellantes pero sen ese salto de dificultade tan esaxerado que tiña o outro nos compases finais. Logo dos créditos tocaría o pase ao Mundo Perdido pero, coma sempre, non tiña as moedas precisas para acceder. Poño así punto final a esta subsaga, xogada e cronificada coa lei do mínimo esforzo. Veremos se contínuo coas aventuras dos Kong en consolas máis modernas ou probo o Yooka Laylee xa que, despois de todo, esta andanza comezou en boa parte polo Marsupilami: Hoobadventure, que ten bastante menos ADN dos monos có camaleón ese do que non sei nada.

Resumo final