Backpack Hero. Capítulo 2
A lúa de mel co Backpack Hero rematou nesta serie de partidas. Se antes teríanme que pagar para deixar de xogar, agora precisaría recibir os cartos para querer volver. E non é que o xogo cambiase substancialmente, senón que lle puiden apreciar todos os defectos que antes non eran tan aparentes ou que quizais eu obviaba. Cruzárame algunha vez con críticas por este motivo, pero sempre eran imprecisos e non ficaba claro o seu impacto. Hoxe sei que o alcance deses erros é xeral no plano técnico, e o mesmo atopamos unha fiestra que non se pode pechar, un obxecto inaccesible sen axuda do cursor ou algunhas interaccións entre obxectos que non semellan seguir o espírito da súa propia letra. Nada moi radical, polo menos no modo de partida rápida, polo que queda en boa parte tapado por outros fracasos do deseño, que dificultan ás veces acceder á información precisa para tomar a mellor decisión, ou a (quizais pretendida) falta de ferramentas que melloren a experiencia, como poder gardar distribucións de obxectos ou probar as activacións dos mesmos fóra da batalla.
Mais nada diso foi un impedimento real para que atopase unha vitoria coas tres personaxes que me faltaban. Tote fora o primeiro que escollera cando quixen probar o de partida rápida, mais saín escaldado xa no titorial porque non comprendía nada do seu funcionamento. Esta vez, con máis experiencia, animeime a comezar e, a verdade, é que resulta estraño de carallo iso de que se comporte coma se fóra unha mestura entre a personaxe principal deste Backpack Hero cun sistema de cartas ao estilo do Slay the Spire. Probei varias estratexias, e algunhas estiveron preto de gañar, pero ao final triunfou a de maximizar a defensa e golpear co mazo inicial alternativo que chega a facer un dano brutal. Non parecía depender moito dos obxectos atopados polo camiño, así que é probable que se puidese repetir o plan sen problema.
O seguinte desafío era con Poachette, que pode invocar aliados, gastando uns puntos de enerxía iniciais para ter un pequeno efecto gratis nas seguintes quendas. Non había nada moi espectacular, e algunha partida reiniciei xa no comezo por obter unha reliquia inicial inútil que ocupaba demasiado (gastar dous ocos do limitado inventario en reducir o dano recibido non é das mellores ideas). Non parece unha personaxe moi potente, pero ao final apañei a vitoria grazas a unha combinación de aliado e reliquia que outorgaban moreas crecentes de enerxía, de maneira que, se sobrevivía o primeiro ataque inimigo, non ía ter problemas en bloquear e aniquilar nos seguintes turnos.
Por último ficaba CR-8 (Crate), un robot que hai que programar para que active os obxectos pola súa conta. É un pouco leria porque leva o seu bo tempo montar un circuíto, non funciona igual no simulador ca nunha loita, e non é posible volver a unha versión anterior sen recolocar todo. Tiven unha derrota contra o xefe final, pero puxen o automático na seguinte partida cando atopei unha reliquia que me permitía duplicar obxectos comúns tras cada combate, e abusei ben del para facer un camiño que fixera moreas de dano a todos os inimigos presentes, rematando nun escudo final para non morrer contra os xefes. Funcionou tan ben como agardaba, pero puxo inda máis de manifesto o limitado das tácticas en cada combate, porque xoguei en automático durante a hora e pico que durou a partida. Agora non teño ganas nin de xogar máis a este xogo nin de descubrir novos obxectos nin defectos de programación.


