<<

Os meus xogos

Unha pequena referencia de xogos de rol e de mesa feitos por min.

Entrevista castrapo - Decembro 2020

Neste xogo de rol en solitario interpretarás a unha neofalante enfrontándose a unha entrevista de traballo para unha gran industria galega. A entrevistadora que terá a última palabra sobre a túa contratación non fala “el gallego”, senón que fala castrapo. A túa tarefa será agradala sen traizoar moito os teus ideais lingüísticos.

De balde en itch.io. Postmortem.

Teles & Gaitas - Xaneiro 2021

Xogo de rol onde os xogadores son espías da TVG (Técnicos Vixías de Galicia), infiltrados na CRTVG (Corporación Radio e Televisión de Galicia) para salvagardar a cultura do país. Inda que normalmente os espectadores non se enteran, non son poucas as ameazas que agardan o intre axeitado para comprometer as emisións e, por tanto, a estabilidade nacional.

De balde en itch.io. Postmortem.

Marcho que teño que… - Marzo 2021

Neste xogo de memoria as persoas xogadoras colaborarán para se lembrar de todas as tarefas que teñen que facer e os instrumentos requiridos para eses fins. En cada rolda un xogador imaxinará un obxecto e unha compañeira inventará unha tarefa non relacionada. O primeiro xogador terá que inventar unha historia para enlazar o obxecto e a tarefa, co fin de crear unha mnemotécnica. Isto repetirase varias veces e logo os xogadores terán que empregar a súa memoria para lembrar que obxecto vai con cada tarefa.

De balde en Somos Xogo. Postmortem.

Decimus - Marzo 2021

Decimus é o xogo de dados retromedieval deseñado por Xurxo Diz e máis eu para a game jam Afonso X e Galicia organizada polo Consello da Cultura Galega. É un cruce entre os lances de dados descritos polo rei no seu Libro de dados e o xogo do mus. O obxectivo é facer combinacións de dados que serán comparadas coas da rival nunha serie de apostas, e ter o maior número de puntos cando algunha xogadora iguale ou supere os trinta puntos.

Xogable en itch.io.

Marmelada universal - Setembro 2021

Xogo de rol nunha única páxina pensado para que unha persoa leve as tarefas de dirección, namentres as outras interpretan cadansúes alieníxenes na procura de axuda para salvar o seu planeta a través do deporte. Trátase dun sistema pensado para ser xogado nunha única sesión dunhas tres horas.

De balde en itch.io. Postmortem.

Efecto desgaleguizador - Outubro 2021

Xogo de rol para tres xogadoras no que se observará como as diferentes fases do sistema educativo afectan á fala do galego. Composto por unha única páxina, céntrase nas diferentes etapas educativas de Hadri, que sempre escoitou unicamente galego na súa casa até os tres anos. Unha participante interpretará a Hadri, mentres que as outras encarnarán a varios personaxes secundarios, dependendo da escena. Cada unha propón unha situación inicial sobre a cal deberán improvisar durante un tempo estabelecido

De balde en itch.io.

Breathless - Documento de referencia do sistema - Abril 2022

Tradución e condensación nunha única páxina do Breathless SRD, un sistema de rol no que pararse para coller folgos é tan importante coma perigoso.

De balde en itch.io.

A xustiza da Negra Sombra - Maio 2022

Xogo de rol inspirado polo poema A xusticia pola man de Rosalía de Castro. As xogantes interpretarán unhas protagonistas totalmente desprezables cuxos actos pasados ben poden merecer a morte que necesariamente terán ó rematar a partida, xa que a Negra Sombra non parará até que iso suceda.

De balde en itch.io. Tamén ofertado en inglés: Justice By The Negra Sombra.

10 obxectos máxicos galegos - Maio 2023

Un pequeno complemento para xogos de rol de fantasía. Xenérico abondo para funcionar baixo calquera sistema.

De balde en itch.io.