9 Years of Shadows
Este metroidvania comeza caracterizado por partir dun mundo en branco e negro que recupera cedo todas as súas bonitas cores logo de nove anos de sombras. Eu non preciso máis que iso e un castelo cheo de monstros para gozar un xogo deste estilo. Pero, sen ter moreas de diálogos, abundan as referencias ao mundo anterior e as súas personaxes pero contadas de maneiras vagas e misteriosas. Chegou un momento que me deixaron de interesar e saltei, por exemplo, os pensamentos da protagonista cada vez que ía en ascensor. O xogo mira moito aos Castlevanias, con semellanzas que pasan a homenaxe para se achegar perigosamente ao plaxio, pero tamén podería tomar nota de como contar máis con menos.
O que non copia de xogos coma o Aria of Sorrow é o sistema de niveis de experiencia ou de obxectos. Isto non ten nada malo, pero implica que non hai moito incentivo para derrotar aos monstros. Ben é certo que soltan moedas, empregadas para desbloquear atallos e mercar melloras. Pero case sempre tiven abondo para os atallos (que non son moi útiles no curso normal) e para as melloras dispoñibles (que están máis ben limitadas polos outros recursos esgotables que hai que atopar polo castelo). Tamén é certo que o aumento de poder coas armaduras melloradas é moi significativo, e unha vez merquei a de auga, os xefes foron bastante máis doados, xa que o ataque especial deixaba un remuíño de auga estático que causaba estragos nos inimigos. Só quedou desfasada pola armadura final definitiva, que só estaba dispoñible para o derradeiro xefe e para o contido opcional que deixáramos atrás.
Ata entón non tiven problemas nin coas mecánicas nin cos desafíos, especialmente centrados nas moreas de xefes, tanto obrigatorios coma opcionais. Existen un par de accións para recuperar os puntos de vida/maná (tira todo da mesma barra) cando están baleiros, o cal fai que sexa bastante complicado morrer nos corredores normais. A primeira é unha pequena proba de rapidez e habilidade, tendo que premer o botón no momento xusto logo de que se remate a barra para recuperar instantaneamente un anaco considerable. A outra precisa estar quieta, sen recibir dano, durante uns segundos, algo bastante doado de facer fóra das pelexas especiais, e nin tan complicado contra os perigosos xefes que sempre semellan deixar un oco temporal axeitado. Desta maneira, minimízase moito a necesidade de esquivar todos os ataques inimigos e podémonos centrar en facer todo o dano posible canto antes. Serviume ata contra o xefe final, que máis que difícil (inda que me levase catro intentos) foi unha loita longa. E iso porque loitei contra el tan pronto puiden, se apañase antes todas as melloras coido que sería un paseo.
Un pouco por curiosidade, un pouco por completar o contido, paseei polo castelo visitando todos os lugares que me quedaban por explorar para atopar os xefes e melloras que deixara sen apañar. Tiven que tirar de axudas externas para saber onde diantres estaban os retratos que abrían portas a outros mundos, exactamente coma no Portrait of Ruin, e tamén a colocación dun músico que me faltaba por atopar, pero o resto foi ir vendo no mapa os ocos que quedaban por explorar e bulir cara eles. A recompensa final foi a armadura definitiva mellorada para aniquilar máis rapidamente aos inimigos, algo para o que xa era tarde: os xefes estaban todos mortos, e non hai maior incentivo para asasinar aos pequenos que acumular esas moedas que non precisei máis que para obter os últimos logros e dar o xogo por completado ao 100% tras dez horas. Non é o mellor metroidvania, e amosa pequenos erros bastante frecuentes, pero tampouco foi unha mala experiencia.



