<<

Android: Netrunner, Rielle contra HB

Coido que o Android: Netrunner é actualmente o meu xogo de taboleiro competitivo preferido, inda que non teño máis que a caixa básica e seis paquetiños de datos (ou, se cadra, precisamente por iso). A semana pasada veu o camarada que me agasallara este mesmo xogo hai xa varios anos e, ante a miña insistencia, collemos as barallas que tiña preparados e xogamos. Enfrontáronse entón a transhumana-cyborg Rielle “Kit” Peddler contra a megacorporación Haas Bioroid: enxeñando o futuro. O plan desta última é montar un servidor remoto ben protexido para sumar os puntos alí, mentres que a corredora tentaba ter un comezo moi explosivo para sacar do bloque de investigación+desenvolvemento todos os puntos posíbeis mentres acumulaba ben de cartos. Relato a continuación un pequeno resumo das tres partidas xogadas.

Na primeira eu levei a Rielle e, pese a facer un mulligan inicial, non conseguín unha man para comezar moi forte. Soltei unha interface de I+D que me serviu para conseguir unha axenda de tres puntos nas primeiras quendas, pero estiven procurando constantemente no meu montón as ferramentas que precisaba para avanzar na partida sen moito éxito. A corporación, pola súa banda, conseguiu avanzar outra axenda de tres puntos sen que eu puidese facer nada, empatando a partida. Sen embargo, deixou un buratiño no servidor de I+D que conseguín aproveitar para, coa axuda dunha muller fatal que baixei nesa quenda, as dúas interfaces de I+D que xa tiña en xogo, un ollo do facedor e todos os créditos que me quedaban, conseguín pasar a través do peaxe e dun xeo sentinela para ver cinco cartas e atrapar os seis puntos que me deron a partida!

Trocamos os mazos para a segunda partida e eu, de novo, non tiven unha man moi boa após o mulligan, pero a corredora tampouco chegou moi lonxe nas primeiras quendas. Protexín I+D e un servidor remoto onde instalei un Adonis. O meu rival instalou un Crypsis moi cedo que resultaría ser inútil xa que non o empregou en toda a partida, inda que si que conseguiu algúns accesos a I+D sen sacar nada en limpo. Eu conseguín vantaxe económica co Adonis e a súa curmá Eve, todo isto con tres axendas na man e o cuartel xeral sen protexer; unha sorte que non se lle deu por mirar aí xa que era derrota segura! Aproveitei a economía para avanzar as axendas nun remoto ben protexido mentres a corredora non podía facer moito máis que mirar. Ao final el xa tiña unha colección de programas interesantes, pero eu rematei puntuando a miña terceira axenda consecutiva para pechar a partida.

Por último, volvín a tomar as rendas moldeadoras contra a corporación. Desta vez o plan do meu mazo funcionou e conseguín aproveitar o poder da identidade de Rielle xunto cunha folla gordiana para roubar unha proba beta acelerada que a corporación agochou xa na súa primeira quenda. Despois instalei o Magnum Opus aproveitando os cartos e a folla para facer incursións aquí e aló, vendo moitas cartas pero non roubando máis plans. Houbo un momento crítico no que me achantei no medio dunha incursión ante un xeo sen executar; estaba bastante seguro que era un peaxe ao que non lle quería pagar, pero decidín asegurarme na seguinte quenda facendo unha infiltración. E menos mal, porque realmente era unha rototorre que me retardaría bastante. A partida continuou polos canles clásicos de Netrunner pero, aproveitando a vantaxe de créditos da obra magna non lle deixei á corporación puntuar en ningún momento no remoto, á vez que controlaba tamén os servidores centrais. Foi cuestión de tempo que acadase oito puntos, un máis dos precisos para unha vitoria.

E iso foi todo. Sacoume un pouco o mono deste xogo que levaba enriba dende hai bastante tempo, pero ben é certo que non me chega a hora de volver a xogalo. Xa lles fixen algúns cambios a ambos mazos que penso que os poden facer máis fortes. Coido que o único que me falta son rivais. Alguén se apunta?


Android: Netrunner. Tres barallas de corredores

Android: Netrunner é, sen dúbida, un dos meus xogos preferidos. Inda que aprendinlle as regras a bastantes amigos, nunca fiquei de todo satisfeito coas varias decenas de partidas que xoguei en total, e sempre ando con ganas de máis. Certo día decidín construír unhas barallas novas na aplicación que levo no móbil coa idea de xogalas algún día. Diso xa fai varios anos e nin sequera collín as cartas para montalos, moito menos para xogalos, así que, polo menos, empregareinos para cubrir unha entrada nesta páxina e gardalos para a posteridade. Que conste que, por moito que sexa dos meus xogos favoritos, non teño moitas cartas, tan só a caixa básica e outras sete expansións pequenas, unha das cales nin sequera foi empregada na elaboración destas listas. Porén, non sigo as erratas nin ningunha lista das “máis buscadas”, empregando as influencias que aparecen impresas nos propios naipes.

Kate-kartos

Kate “Mac” McCaffrey: Digital Tinker

Event (24)- 3x Diesel

Hardware (9)- 3x Cyberfeeder ●●●

Resource (3)- 2x Sacrificial Construct

Icebreaker (7)- 2x Corroder ●●●●

Program (2)- 2x Magnum Opus

Dado que sempre estou dispoñíbel para ensinar a xogar a este xogo, quero ter unha baralla de corredor que non teña truco: nada de ter que buscar no montón, arriscar a vida por cartas propias ou outras cousas raras. Con Kate podemos gañar créditos a esgalla para superar todas as barreiras que nos intente poñer a corporación, especialmente coa axuda de Magnum Opus, que se ve a mesa cedo dará unha boa vantaxe nesa carreira. Logo é cuestión de baixar a consola e unha copia de cada rompexeos para chegar até calquera axenda, sen importar a súa localización, inda que en investigación+desenvolvemento é onde máis dano pode facerse cunhas posibilidades de dano bastante limitadas.

Ao arquivo!

Noise: Hacker Extraordinaire

Event (15)- 1x Account Siphon ●●●●

Hardware (4)- 3x Cyberfeeder

Resource (7)- 1x Aesop’s Pawnshop ●●

Icebreaker (7)- 2x Corroder

Program (12)- 3x Cache ●●●

Os anarquistas parécenme a facción de corredores máis interesante, tanto polas súas mecánicas coma polas súas motivacións. Ruido, o representante que vén na caixa básica, é unha identidade moi poderosa e que sempre me deu moi bos resultados. Esta baralla tenta abusar esa habilidade de mandar cartas ao arquivo incorporando case todos os virus da miña colección. O seminario de Fisk semella unha carta que encaixa ben coa filosofía xa que inunda a sede central da corporación e obrígalle ou ben a xogar cartas de maneira forzada ou ben a descartar máis para os arquivos, ademais de poder albiscar unha posíbel vitoria alternativa por deixar i+d baleiro. Polo resto, non ten moita ciencia pero coido que será bastante efectivo dada a miña experiencia con este personaxe, polo menos contra outros opoñentes sen moitas expansións.

Mellor quenda un

Andromeda: Dispossessed Ristie

Event (20)- 2x Account Siphon

Hardware (6)- 2x Doppelgänger

Resource (7)- 2x Bank Job

Icebreaker (8)- 1x Corroder ●●

Program (4)- 2x Magnum Opus ●●●●

Esta é a baralla que máis me gustaría probar nas próximas partidas. Con Andrómeda comezamos a partida con nove cartas na man, co cal podemos aproveitar os primeiros catro clics para acumular cartos ou baixar certas cartas que nos axuden a dominar nas primeiras quendas da partida, cando a corporación ten moitos buratos e poucos cartos. Decidín confiar nunha única copia de cada tipo de rompexeos xunto cunhas fadas para vivir sen medo ás defensas máis agresivas. Logo de visto, sería cuestión de mercar o programa axeitado cun pedido especial e tentar estar sempre con cartos abondo no peto. Para iso tamén a combinación do chip de memoria Dyson e o contacto do inframundo, que permite obter un salario base moi axeitado. E Magnum Opus, claro, que para algo xogamos en modo casual e sempre funciona.