<<

Breath of Death VII: The Beginning

Logo de xogar ao Cosmic Star Heroine, e tanto pensar sobre o Cthulhu Saves the World, quedei con ganas de probar o xogo de rol orixinal dos seus creadores. Ou, se cadra, ver se era capaz de albiscar máis detalles que na miña crónica do Cthulhu. Pero ambos deseños son tan similares, polo menos comparando cos meus recordos, que pouco máis podo aportar. O Xogón do pasado segue a ser, como mínimo, equivalente ao do presente, polo menos no tocante a escribir. Porén, centrareime na crónica da aventura, que durou cinco horas na dificultade máis elevada. Porque esa teima de xogar nun nivel por riba do normal xa é eterna en min.

Aventura pantástica

Neste caso, ao contrario que no Cosmic Star, non se podía trocar a dificultade unha vez comezada a partida, así que velaí comecei a sufrir en torno ao cuarto alxube, cando os inimigos comúns daban boa conta do meu grupo na primeira quenda de combate, sen que Dem (Bones) e as súas colegas puidesen, aparentemente, facer nada. Mais foi entón cando decidín saír de aí polas duras, forzando encontros ao carón do punto de recuperación, cargando a partida moi rapidamente cando perdía e gardando nas poucas ocasións que conseguía apañar uns poucos puntos de experiencia. Logo de dez minutos xa gañaba máis que perdía e, outros tantos despois, animeime a percorrer o resto do camiño ata o xefe, contando con que os puntos de maxia serían abondo para sobrevivir ata o seguinte punto de recuperación. No peor dos casos, coa capacidade de gardar a partida tras cada paso, sabía que unicamente sería cuestión de tempo. Case o mesmo que fixen no Unchained Blades que tanto gocei, e no Class of Heroes 2 que non me convenceu por exactamente o mesmo motivo. Aquí non me amolou nada, quizais sabendo que era unha aventura curta, pero considero que o sistema de gardado unicamente en puntos seguros, coma no Etrian Odyssey, é o mellor.

Un golpe unha morte

Repetín esa mesma táctica en varios outros puntos, navegando polos menús a toda a velocidade que permitían os meus dedos (algo de agradecer en casos así) tanto para loitar coma para gardar ou cargar a partida. A última foi, evidentemente, diante do xefe final, do que din conta no terceiro tento, logo dunha longa pelexa. Polo camiño quedaron algunhas brincadeiras pequenas, moreas de lápidas con textos repetidos, alxubes lineais ata a ridiculez e outras cousas que xa vira no Cthulhu e no Heroine. Aportoume pouco máis que activar, outra vez, as lembranzas de manexar ao deus primordial no que sería o seguinte xogo do estudio, pero non me arrepinto nin un pouco desas horas que se me foron en mover unha frechiña para facer baixar os números de vida dos inimigos.

Lápida