<<

Cantrip

Nunha desas coleccións dixitais de xogos unidos por unha causa benéfica estaba este Cantrip. O programa é ofertado de balde, mais, de non ser polos catros cans que soltei, non o tería probado. Trátase dun roguelike de cartas onde a man de cada loitador é tamén a súa vida, sendo a condición de vitoria facerlle un dano ó rival cando non agarre naipes. Ó longo dunhas poucas loitas, iremos mellorando a nosa barallas con novas incorporacións, mentres que os sucesivos inimigos tamén aumentan de poder. Todo isto cunha interface moi espartana onde as letras e números toman o protagonismo, cuns poucos gráficos e iconas para indicacións secundarias. Coma un Card Quest sen presuposto para arte.

O certo é que non o xoguei moito: tan só catro partidas curtas que me serviron para obter unha vitoria. No primeiro tento xoguei algo ó chou, polo que a derrota non foi sorpresa. Na segunda esbocei unha baralla baseada nos escudos que semellaba funcionar, pero tiven que pechar o ordenador por motivos alleos e non existe maneira de recuperar a partida. Na terceira repetín estratexia e perdín contra unha combinación do segundo xefe que nin entendín (existe unha zona onde aparecen escritas todas as xogadas, pero nunca mirei para ela). Foi na cuarta cando simplemente escollín as mellores cartas ofertas, pensei un pouco en cada xogada e vencín todas as loitas. Supoño que tamén influíu a sorte.

Tendo en conta as premisas, o xogo non defrauda. Funcionaría igualmente nunha versión física e pode crecer en moitas dimensión se ese fose un obxectivo. Un dos puntos máis febles do deseño é a aleatorización das cartas golpeadas, mais sería doado aplicar unha variante onde a carta dun extremo sempre sexa a escollida (a máis vella, por exemplo) ou mesmo que o atacante ou o defensor escollan. Todas esas opcións virarían o deseño cara un lado ou outro, pero coido que resultaría menos caótico e máis rico en táctica.

Con todo, pouco máis podo pedir dun xogo que foi creado en sete días (e logo expandido) e que se pode xogar de balde. Algo así coma o noso Decimus, que foi feito xunto o bo de Xurxo Diz!