Castlevania: Harmony of Dissonance
Dende que completei o Circle of the Moon conseguín avanzar outros dous niveis no Bloodlines sen perder ningunha vida; só fican outro par máis para rematalo! Pero o quinto nivel non é trivial e coido que precisarei paciencia e todas as vidas posíbeis para enfrontarme ao derradeiro. Decidín, por tanto, volver á saga na Game Boy Advance co Harmony of Dissonance, xa que seguramente sexa unha experiencia máis doada e tranquila cá da Mega Drive. E, inda que non agarda moita dificultade, unha das sorpresas que me levei foi precisamente que non é tan complicado como a súa precuela. De feito, semella que esta entrega pretende ser e ter todas esas cousas que o anterior non era ou non tiña: tendas, velocidade, un castelo dobre e un Belmont coma protagonista.
Nesta ocasión manexaremos a Juste Belmont, un rapaz de dezaoito anos, armado có látego matavampiros e unha cor de pel e cabelo tan brancos que semella un verdadeiro fillo de Drácula. Tiven que ler varias fontes para confirmar que non tiña nada que ver co Príncipe das Tebras; nin sequera é descendente de Alucard, inda que hai teorías dese estilo. Ao igual ca no Circle of the Moon, tamén hai un compañeiro do protagonista que remata corrompido pola influencia vampiresa. Pero neste caso é máis importante, porque a dualidade dos sentimentos deste Maxim tradúcese nun castelo dobre, con dúas dimensións superpostas que teremos que percorrer. A única maneira de pasar dunha dimensión a outra é a través dunhas habitacións especiais, polo que tampouco hai unha liberdade total de movemento.
Eu xa sabía deste xiro de guión, por completalo fai anos, polo que estiven toda a primeira parte do xogo agardando polo momento de poder explorar ambas realidades en paralelo. Se cadra por iso, resultoume algo confuso o comezo. Inda que hai un cambio de dimensión, o mapa automática garda o segredo durante bastante tempo, pero as áreas accesíbeis en cada castelo son inicialmente excluíntes e bloqueadas por barreiras que non aparecen no mapa, co cal chega a perder bastante da súa utilidade. Isto tamén sucede na segunda parte, cando xa somos coñecedores do segredo e hai algunhas zonas concretas que percorreremos en ambas dimensións. Nunha última parte, o xogo remata de abrirse e xa teremos un acceso máis libre á maior parte do castelo, inda que haberá que apurar polos corredores dun lado a outro atopando a chave para abrir unha porta no extremo oposto da edificación.
Por sorte, Juste é ben rápido e poderoso, polo que calquera desprazamento será un pequeno paseo. Inda que atopemos algún xefe intermedio polo camiño, poderemos dar conta del axiña e con poucos riscos, en parte pola gran cantidade de pocións que levaremos no inventario. Só atopei problemas cando, logo de obter un final non de todo satisfactorio, tentei procurar todas as reliquias de Drácula, espalladas polo mapa, para chegar ao final verdadeiro: por moito que sospeitaba do lugar, non se me ocorrera atravesar a parede coma se non existise, diría que non é moi habitual na saga, pero non controlo moito das primeiras tres entregas. Logo de obter o final intermedio outras dúas veces, tirei outra vez de guía para saber os requisitos para o mellor, consistentes en tamén equipar un par de brazaletes na loita contra Maxim. Tampouco se me ocorrera nin se me ocorrería por moito que o fixera no pasado.
A loita final contra o espírito de Drácula, e contra as súas reliquias en forma monstruosa, foi tamén algo chasco. Conseguín superar ambas formas á primeira, ao igual que todas as loitas contra Maxim, inda que fora engulindo algunha que outra poción. Coma sempre, fixen un emprego axeitado do crucifixo-búmerang para maximizar o dano. Desta vez, aprendendo a lección do Circle, non me desfixen desa arma arroxadiza en toda a aventura. Pode que me perdese algunha combinación de arma e maxia máis axeitada para o meu estilo, pero realmente non facía falla outra axuda. Coido que me agardará máis desafío no seguinte da triloxía: o Aria of Sorrow! Mais non tocará este mes, e o Bloodlines seguramente tampouco.