Castlevania II: Belmont's Revenge
Non me sinto capacitado para facer unha crítica xusta dun xogo de acción da Game Boy. Inda que xa xogara o Castlevania: The Adventure na década pasada, as miñas lembranzas do mesmo son bastante reducidas, ao mesmo tempo que impulsadas por ser capaz de referenciar o meu propio escrito. As críticas, tanto contemporáneas coma actuais, falan moi ben deste Belmont’s Revenge que foi construído e continúa sobre os pasos do outro, que é universalmente aborrecido na mesma proporción. A min, a verdade, é que non me pareceu nada doutro mundo, mais é probable que sexa por experimentalo nun par de noites nas que non quería xogar nada máis serio e non sabía onde me metía.
De feito, non tiña nin idea de que xogo era este cando o escollín. Non era consciente nin sequera de que existise unha secuela ao Adventure, polo que asumín que este era aquel con outro nome, algo que non semellaba fóra de lugar neses tempos. Mais non, decidiron poñerlle o nome de Castlevania II, igual ca ese Simon’s Quest que de cando en vez penso en xogar cunha guía pero que artigos como o de The Almighty Backlog pronto me quitan as ganas. Con tanta confusión, dubidei varias veces se non estaría ante unha versión un pouco diferente do Adventure, porque a parte de labirintos e pinchos tiña demasiada reminiscencia.
O comezo xa é ben diferente, porque temos que escoller a orde das primeiras catro pantallas antes de acceder ao castelo de Drácula, do mesmo xeito que no Shinobi ou no Mega Man 2 (non confundir co Mega Man II), inda que aquí non me pareceu que a orde importase nada; non hai poderes nin nada semellante para desbloquear, máis aló de atopar a auga bendita ou o machado, que agora si que están dispoñibles. Ese cuarteto inicial de niveis non son especialmente desafiantes, e os xefes tamén adoecen de ser moi doados, pero serven ben como adestramento para o castelo final.
Contaba con que o final non me levase moito tempo, porque estaba composto por tan só dúas zonas. Pero claro, os dous últimos xefes non ían poñer as cousas tan fáciles. Logo dunha travesía de plataformas complicada, atopei ao fillo do protagonista, posuído por un poderoso demo. Levei unha malleira considerable dúas veces consecutivas, aparecendo, como varias outras veces, o menú de continuar. Por desgraza para min, iso implicaba ter que pasar de novo pola área complicada, que obviamente acabei dominando cada vez que perdía a loita contra o Belmont menor, xa que non foron poucas veces. Finalmente, dunha maneira bastante caótica, e cun bo uso da auga bendita, solucionei a parte máis complicada da aventura.
Mais inda ficaba o propio Drácula por soterrar. Levoume máis continuacións có xefe anterior pero, como aquí non había moito percorrido, tamén eran máis áxiles. Os ataques do príncipe das tebras son sempre iguais: conxura unha morea de bólas ao seu redor que logo afasta en movemento circular. Coma se isto fóra un xogo de naves, tiven que aprender, a base de derrotas, os puntos seguros dependendo da situación do vampiro, así como as sucesivas posicións polas que aparecería o inimigo. Unha vez todo na memoria, tan só foi cousa de seguir o plan con paciencia, golpeando a súa cachola, dirixíndome cara o seguinte punto seguro e irme preparando para o seu seguinte movemento. Non sufrín moito porque sabía que era cuestión de aprendizaxe. Despois aparecen o texto final máis lento da historia e uns créditos para os que xa non quixen manter a consola prendida. Non estivo mal. Foi abondo. Seguinte xogo.