Castlevania III: Dracula's Curse
Non son capaz de ver series de televisión eu só, pero ás veces non me lembro e intento ver algunha nova. Atopábame confinado nun sofá cunha man inmobilizada e o mando da tele na outra, así que remexín por Netflix a ver se atopaba algo para pasar a seguinte hora. A violenta serie de Castlevania semellaba nicho abondo como para que ninguén a queira ver comigo, e eran tan só catro capítulos curtos. Tardei tres días en velos e quedei durmido en dous deles. Ademais, non foron máis ca un piloto estendido como avance a unha segunda temporada máis longa, así que decidín poñer o freo televisivo aí. Polo menos, desta viaxe, saquei dúas cousas máis claras: non son capaz de ver series de televisión eu só e que, con esa escena final, sen dúbida estaba baseada no Castlevania III. E xa me serviu como escusa para darlle a este Dracula’s Curse sobre o que non sabía case nada, máis alá da existencia de múltiples protagonistas.
Non sei que agardaba, pero a primeira sorpresa foi o moito que se parecía ao Castlevania orixinal. Obviamente estou a xogar a unha versión da mesma consola Nintendo, e se pos un ao carón do outro as diferencias son apreciables xa dende os gráficos, pero no foro interior seica pretendía atopar algo máis rachador. Mais, por moito que non rache completamente con ese traballo previo, conforma un conxunto moito máis completo en varios aspectos. O máis icónico, evidentemente, e o de múltiples camiños e personaxes. Eu fun por onde me levaba intuición que habería menos problemas e acabei rescatando a Sypha. Coa súa maxia de lume conseguín esnaquizar algún xefe en pouco tempo e coa súa maxia de xeo fun capaz de percorrer algunhas partes do castelo sen sufrir tanto. Pero sufrir, sufrín. Moito.
Onde no primeiro Castlevania había algún monstro que semellaba estar posto adrede para amargarnos a vida, aquí son moitos máis e non hai dúbidas de que están colocados con toda a intencionalidade. Sen ter moitas pezas móbiles ao mesmo tempo, o deseño é capaz de facer que suemos contra unha armadura simplemente porque está arriba duns chanzos ou colocar unha escaleira no lugar exacto nos que queremos Todo iso acada o seu cénit nos niveis finais da aventura, no sétimo nivel que atopei, onde aparecen os malditos corvos que sempre se apañaban para facerme dano (polo menos estoupaban) antes dunha pelexa final tripla que tardei en dominar. Despois de rematar o xogo, e vendo algúns vídeos doutra xente que o supera, non atopo porque puiden tardar tanto en solucionar esa parte, pero quizais todo sexa porque o que viría despois xa me nubrou o xuízo.
A novena pantalla é unha tolería sutil. Comeza cunha chuvia lenta pero constante de pulguishomes, que non son problemáticos se temos o látego preparado pero, ao existir a pequena posibilidade de obter unha subarma, anima a pasar máis tempo do esperable. Pouco despois hai que subir unha torre esquivando disparos e turradas, con pouca marxe de manobra para sobrevivir sen danos e na que un impacto nunha superficie chá custará necesariamente unha vida. A continuación toca un deses escenarios de ascensión no que hai que seguir o lento ritmo de subida marcado automaticamente para poder chegar ao terceiro e último tramo. Alí os corvos darán a benvida, xunto con bechos acuáticos, a unha zona realmente complicada na que case sempre remataba ferido, ou peor. As poucas veces que sobrevivía tiña que manter a calma por unha ponte longa que remata na batalla contra un doppelganger. Por sorte, casualidade ou experiencia, conseguín vencer nesa complicada loita co clásico método castlevánico de intercambiar golpes o máis rápido posible. Non foi elegante, pero foi efectivo.
Lera que o último nivel non era para tanto, así que comecei con ánimos. Os corvos, por unha vez, estaban situados como para que non fose complicado dar conta deles sen recibir danos. No peor caso sempre podía cargar a partida dende o comezo do capítulo e darlle outro tento rapidamente; esa comodidade, no lugar de forzar a perda de todas as vidas para continuar, é a única trampa que aproveito de xogar nun emulador. O seguinte descenso non era complicado e logo viña unha travesía delicada pero que logrei dominar unha vez que aceptei sufrir dano ao final da mesma. A segunda parte non era moita cousa, pero a parte cos péndulos e os morcegos aparecendo de súpeto levoume moitas vidas. Cheguei ata Drácula co mínimo de vida, matoume e sorrín: abondo por esta noite. Como Drácula tiña tres fases e non me apetecía discorrer a solución de cada unha, decidín ver un vídeo coas tácticas axeitadas. Semellaba doado. Levoume algúns intentos mentres interiorizaba o plan, pero conseguín a vitoria grazas a esas indicacións e ao meu manexo do lanzamento de machado; seguramente a única vantaxe de xogar a versión norteamericana foi que non hai punto de control xusto antes do xefe final, polo que sempre podía chegar ata el con esa arma secundaria lista.
E así foi: duro, complicado e satisfactorio. Quedoume bastante xogo por explorar pero paseino realmente ben superando todos os desafíos que foron aparecendo. Agora mesmo diría que é o meu Castlevania clásico preferido e case teño ganas de darlle outra volta, agardando tardar bastante menos con toda a práctica acumulado. Mais tamén penso que foi abondo e que mellor seguir explorando outras posibles xoias ás que nunca xogara. Quizais o Holy Diver ou, por que non, o Castlevania II con axuda dunha guía.