<<

Cosmic Star Heroine. Capítulo 1

Gardo bos recordos do Cthulhu Saves the World, inda que lendo agora outra vez as miñas impresión non parece que me impresionase tanto no seu día. Non obstante, esas remotas lembranzas foron abondo para animarme a probar outro deseño dos mesmos creadores, por moito que non estea nunha etapa de xogos de rol por quendas e veña de abandonar o Paper Mario. Pero este levaba instalado na Steam Deck moito antes de comezar o de Nintendo, polo que o plan estaba aí moito antes desta seca do tipo de xogos que deron comezo a esta páxina e sabía que non sería unha inversión temporal tan grande como ese The Last Remnant, que merquei con moitas ganas pero que sempre me apouviga con esas 70 horas de investimento. Parte da promesa deste Cosmic Star Heroine é que non vai durar tanto, que vai progresar rápido e que os combates serán divertidos.

Concerto

Para asegurarme de que os combates sexan divertidos, decidín xogar no terceiro dos catros niveis de dificultade (o segundo é o estándar), e coido que foi unha decisión axeitada. Tiven que ter certa compresión da gran cantidade dos sistemas de combate para ser capaz de gañar moitos combates na última quenda posible, o cal é un síntoma claro de que está ben regulado. Algunhas partes eran máis doadas e outras máis complicadas, pero podendo repetir todas as loitas as veces que precisara (na práctica non é posible perder progreso) sabía que era cuestión de acadar a combinación correcta de comandos para cada caso, observando as debilidades de cada inimigo e a mellor maneira de organizar as quendas para que todo se aliñe ben. Algúns dos encontros menores poden resultar repetitivos se xa temos un padrón de comportamento efectivo, especialmente porque non hai necesidade de conservar obxectos ou puntos de vida ao rexerarse ao final de cada combate. Tamén é posible evitar esas loitas ao estilo Chrono Trigger, pero eu fun por todas para que non me faltasen puntos de experiencia.

Power rangers

Lendo o meu propio artigo do Cthulhu Saves the World, case podo firmar todo o que aí aparece como aplicable a esta heroína estelar. Igual ca no outro, polo de agora non atopei ningún crebacabezas real e todos os alxubes semellan artificiais e videoxoguiles. Sabes que se hai un botón é porque premendo nel abrirase unha zona nova ou que se hai unha batería azul é porque ten que ser levada a un xerador azul. Tamén había outra parte na que había que apañar ollos ou algo así, e que ademais había unha personaxe que sabía onde estaban, pero xa era tan artificial con tan pouco senso que nin me parei a pensar no que facía. Quedei neste punto con ese sentimento bastante automático no que me dá preguiza facer calquera tipo de exploración ou aprender sobre o mundo porque, a verdade, é que non me resulta moi interesante. Os escenarios cambian, os tipos de inimigos tamén pero a esencia é a mesma. Supoño que cando o retome intentarei evitar máis os combates para axilizar un pouco a segunda parte.

Cuarteto

Mais, todo sexa dito, o xogo avanza tan rápido como promete. Nunca pasamos máis dunha hora en cada capítulo, que soe consistir nunha parte de exploración e outra de combates ata chegar ao xefe final. Ese bucle non é algo que me amole nin o máis mínimo, ante todo porque a listaxe de habilidades e personaxes xogables vai crecendo e xa levo un equipo case puramente feminino (Sue é unha femia de honra, igual que Val no Get in the Car, Loser! (agardo que esa descripción non lle amole moito a ese amigue)). Con toda esa personalización, tamén hai marxe para atopar combinacións para cada xogador, xa sexa por encaixar no estilo de xogo ou por efectividade. Supoño que non será estritamente necesario nesta dificultade trocar o cuarteto de combate e as súas habilidades para cada loita, pero deixa marxe a ter contido opcional para superar con máis finura.


Cosmic Star Heroine. Capítulo 2

Nesta segunda parte xa me esquecín de loitar en todos os combates opcionais, poñendo a proba as miñas habilidades de sixilo para esquivar aos inimigos. Non sempre semella posible, e o radio de activación é bastante xeneroso para eles, pero algunha vez metinme por un oco tan pequeno que me sorprendeu que funcionase. A suposta desvantaxe é que deixaba de gañar puntos de experiencia, pero a estas alturas o xogo volveuse moito máis doado e non os botei nin un pouco de menos. De feito só tiven problemas nos xefes opcionais e na derradeira forma do xefe final, que por sorte non me obrigou a loitar contra as dúas anteriores para darlle outro tento, se isto fora o Final Fantasy IV non quedaría outra que percorrer un alxube xigante e ata tería que ver todas as animacións de novo.

Pistolas zen

Por certo, as animación son moi efectivas. É doado ver os fíos que provocan os movementos dos debuxos, pero dun xeito que dá boa sensación, como moi caseiro e acolledor: sabes que Alyssa, a protagonista, vai chiscar un ollo xusto cando a cámara suba ata a súa faciana, pero iso non lle resta encanto. Mais iso non quere dicir que sexa carismática, para todas os eventos que a teñen como eixo principal, non semella que ningún sexa un bo papel para ela. Toda a narrativa son unha sucesión de referencias a outros produtos e unha serie de trocos de escenario non moi ben conectados. Replica moitos dos puntos máis baixos do Cthulhu Saves the World, como se os desenvolvedores non aprendesen nos sete anos que pasaron dende entón.

Xoias

E foi aí cando me decatei. O meu artigo sobre ese outro xogo foi escrito hai máis de seis anos, pero poderían ser exactamente as miñas impresións se o xogase hoxe por primeira vez. Coido que non cambiaría moito a redacción e só agardo que fora capaz de reparar nas mesmas cousas cunha perspicacia similar. E como se o meu ego de escritor de diario de videoxogos non aprendese nos seis anos que pasaron dende entón. Uf! Ou, se cadra, esas evolucións están máis aló dos obxectivos que perseguen este diario e o Cosmic Star Heroine. Ambos teñen a mesma esencia, a mesma transcendencia e a mesma finalidade cós seus xermolos. Iso non pode estar tan mal, non? Non.

Loita interna

O que si é que aquí seguirei escribindo e que completei o xogo con todos os logros, inda que aí tirei de guía para ir directo nas buscas secundarias do tramo final. Se cadra o de procurar axudas externas tamén sexa o truco para mellorar nas entradas deste diario, pero non sei eu se tirarei por aí. Son moi de avanzar todo o posible ata que me atasque. Quizais na próxima crise, quen sabe se co Breath of Death VII que serviu como trampolín a estoutros videoxogos de Zeboyd.