<<

Final Fantasy IV. Capítulo 1

Nesta páxina documentei as únicas partidas que xoguei na miña vida á triloxía inicial dos Final Fantasy (I, II e III), mais en tempos pretéritos xa xogara a algúns outros sen chegar a rematalos. De todos eses, foi esta cuarta entrega na que cheguei máis lonxe, tendo unha partida gardada no derradeiro punto de gardado antes do xefe final. Deume forte un par de veces e non tiven vontade abondo para darlle outro tento ou subir uns poucos niveis para maximizar as miñas posibilidades de vitoria. Non o recordo ben, pero é probábel que lle botase un ollo a un resumo do final nalgures e pasase a outra cousa. Pode que incluso a estudar un pouco, no lugar de tanto xogo de rol de fantasía.

Pero diso fai máis de dez anos e, por aquel entón, tiña certas manías, coma conservar os obxectos do inventario, que son contrarias a un bo aproveitamento dos recursos dispoñíbeis. Desta vez xa conto con facer unhas eleccións máis intelixentes, pero o cambio máis notábel é a plataforma, trocando a Super Nintendo pola PSP. Ademais dalgúns cambios na xogabilidade, tamén inclúe a expansión The After Years, pero inda é moi cedo para saber se metereino como parte desta experiencia ou saltareino coma xa fixen co epílogo do Final Fantasy II.

Estiven preto de abandonar o xogo pouco despois de comezalo porque non me agradaba moito o sistema de “batalla activa”, no que os inimigos toman as súas quendas incluso cando é o momento de actuar dos heroes. Ao final escollín a velocidade máis rápida para as pelexas, xunto coa opción de que se deteñan ao entrar nos submenús: unha mestura entre as comenencias de poder escoller a mellor acción para cada momento e a axilidade para superar os combates comúns de maneira rápida. Para este último obxectivo tamén axuda o sistema de loita automática, no que os nosos personaxes repetirán a última acción que tomaron. O meu plan é continuar con estes axustes até o final, pero resérvome o dereito de poñelos máis fáciles para algunha loita que me poida dar problemas.

Polo de agora non atopei a pantalla de “xogo rematado” agás unha vez: nunha loita-crebacabezas cando Cecil troca de clase, onde non hai que atacar ao rival xa que un paladín debe gardar a espada en certas circunstancias. Aproveitei este xiro argumental que coñecía ben para parar a partida tras tres horas e escribir este resumo. Agora mesmo levo no meu grupo, ademais do paladín, aos xemelgos Palom e Porom e ao vello Tellah. Deste último non recordaba moito (ao igual que el), pero os pequenos magos si que teñen un oquiño na miña memoria dende aquela primeira partida.

A narrativa vai polos coñecidos camiños dun imperio tan poderoso coma corrompido polas forzas da escuridade. O protagonista Cecil foi parte activa de moitas das barbaridades levadas a cabo por dito imperio nos últimos anos, mais ao pouco de comezar a aventura tamén empeza a súa historia persoal de redención e vinganza. Que, despois de todo, ser un paladín non está rifado con repartir paus.

  • Tempo de xogo: 3 horas.
  • Grupo: Tellah (sabio), Palom (mago negro), Cecil (paladín), Porom (maga branca).
  • Nivel de Cecil: 1.

Final Fantasy IV. Capítulo 2

Só xoguei unhas tres horas dende o anterior artigo, mais coido que xa teño material abondo como para escribir un novo. Neste tempo a historia avanzou bastante, e o nivel de Cecil como paladín disparouse dende o primeiro até preto do trinta. Polo camiño perdemos a Tellah, que por fin logrou invocar o poder de Meteo, e aos xemelgos Palom e Porom, autopetrificados para salvar ao grupo e manter vivas as esperanzas de derrocar ao malvado imperio. Continúo a pensar que é un momento moi emotivo a pesar de que estivesen pouco tempo no grupo, pero tamén é moi amplificado polo feito de que o xogo permite visitalos e tentar convertelos de novo en carne mediante o emprego do obxectos, algo que é imposíbel até onde eu sei.

No lugar dos que finaron temos a Cid, Kain e Rosa; sendo alomenos estes dous últimos parte do equipo final segundo recordo. Do que non tiña memoria até que o volvín ver foi que hai un mundo interior, no que existen catro cristais escuros cos que podernos enfrontar a Golbez tras obter el os catro do mundo da luz. Despois de explorar ben a superficie, e mercar nela os obxectos máis caros paro o meu grupo, interneime nese mundo subterráneo. Alí hai dous bandos enfrontándose con tanques e naves voadoras. Como efecto colateral perdemos a nosa Enterprise, polo que teremos que camiñar por este inframundo. Nese momento decidín deixar a partida polo de agora, con máis recordos do Terranigma ca deste propio Final Fantasy IV.

O que seguro que non lembraba era todo o machismo que hai no xogo. Non me refiro só a que, das tres mulleres que entraron no grupo, dúas foran exclusivamente magras brancas, unha profesión fébel e destinada a coidar do resto; e a terceira tamén é outro tipo de feiticeira, fébel, con poderes curativos parciais e até adicouse a coidar dos feridos nunha deplorábel escena na que os homes tiñan que loitar para defender un castelo. Tamén significativo é a presenza de bailarinas lixeiriñas de roupa dispostas para darlle un espectáculo ao xogador, especialmente aquelas que se atopan nun edificio que, inda que non se menciona explicitamente, é a todas luces un bordel. Non só son sexistas, senón que non aportan absolutamente nada á narrativa e temos que aturar as longas danzas sen poder movernos nin paralas.

Pola outra banda, comezo a collerlle algo de cariño ao sistema de batalla activa: fai que cada loita importante sexa frenética e deixa boa parte do éxito na óptima execución dos comandos a tempo. Certo é que teño activada a opción que frea o avance cando entro nun submenú, e o aproveito de cando en vez para organizar os seguintes pasos. A estas alturas xa conto con rematar o xogo con esta configuración a todo filispín, pero inda non me comprometo a nada pola miña experiencia pasada na loita final; xa veremos o que me agarda no inframundo e que dificultade terá. Supoño que inda fica moita aventura por diante, máis que nada polo pouco tempo que levo de xogo: estimo que levarei quizais entre un terzo e un cuarto do mesmo.

  • Tempo de xogo: 6.5 horas.
  • Grupo: Kain (draconarius), Cid (enxeñeiro), Cecil (paladín), Rosa (maga branca), Yang (monxe).
  • Nivel de Cecil: 25.

Final Fantasy IV. Capítulo 3

Pasaron moitas cousas dende a entrada anterior, e a verdade é que non lembraba a meirande parte delas do meu primeiro paseo polo xogo. De entrada sorprendeume o curtiño que resultou o xogo, xa que tiña o final ao meu alcance ao pouco de comezar a segunda decena de horas. Isto seguramente é debido, en boa parte, a ter xogado as loitas na velocidade máis rápida e no emprego do modo automático nas mesmas. Certo é que contradixen en parte o que comentei nas anteriores entradas e puxen a velocidade máis lenta no modo manual para vencer finalmente ao último xefe da historia, xa que non foi o camiño de rosas do que moitos falan ao mencionar esta adaptación do xogo para a PSP.

No primeiro tento contra Zeromus superoume por moito. Decidín explorar ben este alxube luar, conseguindo todos os obxectos que alí existían, ademais de moitos niveis de experiencia. No segundo tento contra o xefe foime algo mellor, pero os seus feitizos de Big Bang recorrentes foron maiores que as miñas curacións para contrarrestalos. Xa farto de tanto ver os cortes previos desta loita final antes da parte activa (algo que xa me sucedera noutro Final Fantasy), subín algúns niveis máis, baixei a velocidade das quendas e acadei a vitoria, inda que non sen certo risco. O problema principal foi que non entendín os padróns do inimigo até que os lin con posterioridade nunha guía. No meu comprender, a pista de tremer antes do gran ataque non é tan obvia neses intres de tensión, e moito menos como extrapolar que lanzarlle un feitizo entón reducirá o dano recibido polos meus personaxes. Tampouco decateime de que facía un ataque máxico “de balde” tras ser obxectivo dun, a pesar de atopar e dominar a mesma mecánica nalgunhas loitas ao chou previas. Quizais podería haber algo de literatura diexética para darnos pistas sobre isto.

Mais antes dese final sorprendeume que tanto Palom coma Porom fosen resucitados fóra da pantalla; ao meu ver, restoulle impacto ao seu sacrificio valoroso. De calquera maneira, aproveitei a posibilidade desta versión de constituír o equipo final, polo que saquei ao ninja Edge do fato principal para incluír a Porom, tendo así unha maioría de mulleres no quinteto activo. Se cadra non foi a decisión máis efectiva para obter unha vitoria sinxela, porque estaba a gardar todas a estrelas ninjas posíbeis para empregalas na loita final, porque normalmente nesta saga soe ser unha das maneiras de facer máis dano nunha única quenda. Pero nunca lle tiven moito cariño ao príncipe mullereiro, polo que está ben que non sexa parte dos heroes definitivos.

Tras o epílogo e os créditos desbloquéase un novo alxube na lúa con novos desafíos, pero non teño interese en continuar por ese lares. Da mesma maneira tamén deixarei de lado o contido adicional que vén dentro do mesmo disco: o After Years. unha historia que continúa cos mesmos personaxes e novos líos, e un Interludio entrambas tramas. As críticas non semellan moi boas e, posto a seguir cosa saga, preferiría facelo coa quinta entrega, a única desta segunda triloxía que non tiña xogado con anterioridade. Desta cuarta fantasía lévome unha boa impresión da caracterización dos personaxes, a certa variedade de clases únicas (inda que sexan moitas menos ca no III) e a narrativa que conseguiu facer un robot xigante nun xiro argumental máis propio de Neon Genesis Evangelion.

  • Tempo de xogo: 17 horas.
  • Grupo: Rosa (maga branca), Cecil (paladín), Rydia (invocadora), Kain (draconarius), Porom (maga branca).
  • Nivel de Cecil: 64.
  • Trasgos asasinados: 214.
  • Monstros derrotados: 67%.