Death Palette
O do terror non vai comigo. De demasiado cativo vin escenas de Freddy Krueger, Shocker e similares por mor do meu curmán, que tiña máis afección por Wes Craven ca sentidiño para evitar que un neno tan pequeno vise tales cousas. Lembro pesadelos con esas películas, cun conto de medo que me contou un profesor nunha excursión con 8 anos, con historias dun amigo dunha amiga que xogaba coa ouija ou con cousas que a miña mente inventaba para se asustar. Obviamente tampouco gocei nunca de títulos como Resident Evil ou The Mansion of Hidden Souls, un par de xogos que aluguei no seu día para a Sega Saturn pero que non xogaría nin dúas horas entre ambos. Todo isto cando era menor de idade, xa máis adiante confirmei que non cambiara cos anos cando, por exemplo, saltei co único susto da película Dúas irmás. Ou co que suei nos 10 minutos que di Steam que xoguei ao Amnesia (en dúas intensas sesións).
Porén, é moi raro que me decantase por un xogo con elementos de terror para o meu Android. Mais logo de ver unha crítica bastante positiva decidín saír da miña zona cómoda e atreverme con algo que, seguramente, o meu curmán con 10 anos non consideraría como algo de auténtico medo. Despois de todo, cando susto pode dar un xogo sinxelo nunha pantalla tan pequena? Pois tampouco o teño moi claro agora, xa que este Death Palette non era para tanto. Polo menos aplicando a miña antiga técnica de xogar sen son, algo que levo pulindo dende o colorido Aztec Adventure. Pena que non se me ocorrera antes, xa que a primeira vibración do teléfono virtual abofé que me moveu do sitio. Unha vez máis acostumado ao esquema do xogo, xa sabía por onde ían vir as cousas, e os poucos escintileos de susto sen son non me afectaron nin un pouco. O positivo, entón, é que non o pasei mal. O negativo, que tampouco o pasei ben de todo.
A idea de seguir as ordes da rapaza do cadro é moi atractiva. Os erros e malentendidos páganse coa morte, pero dentro da experiencia do xogo non resulta un gran castigo. Primeiro, porque as mortes son imaxinativas e teñen que ver co erro, polo que case supón unha recompensa coleccionable ao estilo do Reventure. Segundo, porque non tardaremos nada en volver ao escenario a probar de novo. Nos primeiros compases eu trabucábame en todos os puntos e vin moitas mortes irónicas do pintor que encarnaba, pero pouco máis adiante xa entendía ben os trucos das peticións e encadeei varios días do xogo sobrevivindo, avanzando cada sesión nunha historia que, a verdade, non me interesaba moito. E non era porque fose máis ou menos tétrica, xa que curiosamente non teño problema con iso, senón porque as novidades eran tan lentas que non conseguían captar a miña atención. Non me quedei con moito sobre os anteriores posuidores do cadro pero, polo menos seguín a trama principal coa rapaza orixinal, a pintada e o señor que encarga a obra.