<<

Din's Legacy. Capítulo 1

Saíu unha nova expansión para o Diablo 2 remasterizado e estiven moi tentado de coller o paquete completo, pero tampouco tiña un verdadeiro interese no personaxe novo e podo agardar polas futuras ofertas. Amais diso, levaba meses co Din’s Legacy instalado na Steam Deck, un xogo independente herdeiro da saga de Blizzard cunha morea de sistemas interconectados. Xa lle dera un tento aí atrás, pero nin conseguín atopar un manexo cómodo sen teclado e rato, nin comprendín a metade de textos explicativos que saíron pola pantalla. Mais coa presión desa posible compra do novo Diablo 2, e máis enerxías e tempo para lle adicar, unha noite decidín que era o intre axeitado para aprender.

Título

A primeira sorpresa foi comprobar que existía un sistema de control específico para mandos, polo que non sei que tanto loitara anteriormente. É limítrofe que se poida considerar funcional, pero coa axuda do trackpad dereito manexando o cursor, e configurando algúns botóns para habilidades e utilidades, apañei ben abondo. Tardei un tempiño en afacerme, pero, unha vez que o fixen, atopeime aniquilando ¿orcos? por todos lados. A verdade é que non sei con exactitude quen eran as vítimas da miña nigromanta, só sei que eu premía un botón e unha morea de barras vermellas comezaban a baixar, a barra de experiencia a subir e a dopamina an percorrer o meu corpo. Son un xogón simple.

Obxectivo

Escollera nigromancia porque os esqueletos levantados poderían actuar autonomamente sen que eu precisara apuntar, pero atopar que unha das habilidades do primeiro nivel xa inclúe un dano-sobre-tempo en área centrada na personaxe foi todo un agasallo. Non me tiven que preocupar máis que de correr e invocar de cando en vez. Certo é que, cando tocaba danar algo en particular, tiven que tirar de ataques básicos para acelerar un pouco o proceso, pero non foi o habitual. Tiven sorte tamén ao final do escenario porque chegaron dous avatares poderosos para me botar unha man moi precisa. Un era o de Din (entendo que o Din do título), o outro era algo que comezaba por V. Non entendo por que apareceron, supoño que é unha tolaría máis que este xogo deixa ao chou.

Finta

Hai moitas áreas gobernadas polo azar, xa dende a creación do escenario. Pero, sen dúbida, a miña favorita é a de mutación de habilidades. A medida que unha personaxe sube niveis de mutación, aprende habilidades novas ou algunhas vellas gañan efectos secundarios. Deste xeito, cada personaxe é totalmente única xa dende ben cedo, e teremos que planificar cara onde levala a medida que aumenta a entropía. Isto podería ser unha ferida mortal noutro tempo, no que me daban ganas de comezar todo dende cero se me trabucaba e poñía un punto de enerxía a unha feiticeira do Diablo 2, mais hoxe en día coido que lle dá unha graza que é complicada de atopar en escenarios predeterminados.

Recordo

E como a festa do chou non rematou, logo dunha longa sesión onde superei ese primeiro escenario, a miña personaxe desapareceu. O único que quedou dela foron os seus récords, pero sen nome asignado. Hai algúns restos no cartafol onde o xogo garda os seus datos, pero nada que semelle recuperable. Supoño que gardarei o recordo desas tres horas e darei un novo intento outro día, cruzando os dedos para que os ficheiros gardados non muten.


Din's Legacy. Capítulo 2

Como fiquei con ganas logo do fracaso técnico da anterior personaxe, creei unha nova nigromanta xa coñecendo un pouco mellor o que ía atopar. Desta vez puiden desactivar as mensaxes de axuda nada máis comezar, polo que non demorei a destrución dos inimigos. Esta vez o escenario era dunha invasión zombi, e non tería a sorte de que deixasen tranquila a vila, coma si ocorrera no mundo pasado. Polo menos deste xeito probaría un novo sistema que non tocara na anterior partida. O malo é que é máis unha molestia ca outra cousa. Coido que a longo de todo o escenario perdín, por unha invasión, ao vendedor de pocións (inda que xa lle mercara todas as de curación), principalmente porque non sabía que había que destruír as portas infernais que había fóra da miña base. Un dos puntos de venda deste xogo é que as urxencias das misións son reais e que, de non facer nada con elas, medraran ata se converter nun problema máis grande. Iso non me apetece tanto, pero como cada escenario é parcialmente inconexo cos anteriores pois unha derrota tampouco é definitiva, xa que a protagonista seguirá a mellorar as súas capacidades.

Nigromancia

Polo de agora non me animei a probar o modo incondicional con mortes permanentes, polo que un falecemento da protagonista e pouco máis ca unha viaxe gratuíta ata a vila inicial. Por iso mesmo, non me preocupei cando as miñas incursións no alxube final resultaban nunha morte tras outra, para un total superior a dez cando a nigromanta anterior mantérase viva ata que atopou o seu final dixital por algún erro de programación. Tras cada unha desas derrotas, un inimigo ascendía como se isto fora o Shadow of Mordor, comezando unha nova misión para rematar coa súa vida, que seguramente tamén finalizaría a miña. E repetir.

Mundo dinámico

Xa que quería facer unha partida rápida (que non conseguín) puxen a meirande parte dos puntos de habilidade no veleno en área. Funcionou moi ben ao comezo, e nada mal contra inimigos comúns, pero fixo que o resto da experiencia fose penosa. Inda que cada nivel aumenta un pouco o dano que causa, cada vez precisa máis puntos de habilidade para cada incremento, resultando nun pozo nada eficiente. Lembroume aquel paladín do Diablo 2 que montei coa aura de lume ao máximo: daba boa conta dos inimigos pequenos a cen metros á redonda pero non podía pasar do segundo acto. Apañeime para vencer o escenario, pero sería moi ambicioso levar a personaxe a un novo mundo con inimigos máis poderosos.

Dano en área

Por tanto, supoño que crearei unha terceira personaxe na mesma semana, pero esta vez sen partir da nigromancia e contando con empregar as mutacións maiores para conseguir un conxunto de habilidades sinérxico e poderoso. Tampouco creo que o xogo vaia trocar de maneira significativa, nin que teña o poder de persistencia doutros grandes do xénero que, tamén sexa dito, teñen moito máis presuposto e traballo enriba. No peor dos casos sempre podo mercar outro de Soldak Entertainment para ter unha nova experiencia que será similar.